Podcast “Ciencia de Ida e Volta” con motivo do Día Mundial dos Océanos

Vigo TecnolóxicoActualidadePodcast “Ciencia de Ida e Volta” con motivo do Día Mundial dos Océanos

Dentro do plan de actividades do programa “Ciencia de Ida e Volta”, que conta coa colaboración da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT) – Ministerio de Ciencia e Innovación, a Unidade de Cultura Científica e da Innovación (UCC+i) da Universidade de Vigo, publicou onte unha serie de cinco podcasts en conxunto co medio de divulgación científica GCiencia con motivo do Día Mundial dos Océanos, 8 de xuño. Trátase dunha serie de entrevistas con investigadores e investigadoras da Universidade de Vigo que explican o seu traballo vinculado ao coidado dos mares galegos.

Así, a UCC+I e GCiencia uníronse para abordar esta cuestión dende múltiples perspectivas e afondando en temas como o cambio climático, a humidade oceánica e a climatoloxía, o sector pesqueiro, a contaminación ou a educación da sociedade respecto do medio mariño. Todo dunha forma dinámica e amena para que a sociedade poida coñecer a aportación do persoal investigador da Universidade de Vigo no avance destes temas.

A xornalista de GCiencia, Laura Veiga, foi a condutora do espazo no que, a través dunha charla con diferentes investigadores e investigadoras, afondouse nos últimos avances respecto a todos os temas mencionados asociados á temática dos océanos e o medio mariño. O diferente persoal investigador entrevistado foi o seguinte: Raquel Nieto de Ephyslab; a coordinadora do grupo Future Oceans Lab, Elena Ojea; o catedrático e coordinador do grupo Ecotox, Ricardo Beiras; a investigadora do Departamento de Comunicación Audiovisual e Publicidade, Beatriz Legerén (coordinadora de Misión Azul, proxecto no que colabora o Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación, atlanTTic); e os investigadores Fran Ramil e Marta Gil, do grupo EcoAfrik.

Durante estas charlas, abordáronse cuestións relativas á contaminación mariña por plásticos, á precipitación que cae nos continentes, que é xerada pola humidade que provén directamente do océano; así como tamén deuse a coñecer o informe Cambio Climático 2022: Impactos, Adaptación e Vulnerabilidade, a máis recente avaliación do IPCC. Igualmente, déronse a descubrir novas especies e xéneros dos ecosistemas bentónicos africanos e afondouse no proxecto Misión Azul, que ten por obxectivo a alfabetización científica mariña e de formación do profesorado e no que está colaborando o centro de investigación atlanTTic.

Os podcast completos pódense escoitar nos seguintes enlaces:

 

Fonte: Unidade da Cultura Científica e da Innovación da UVigo (UCC+i)