A iniciativa na que tamén colabora a Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación fusiona TIC, ciencias mariñas, comunicación e didáctica.
Ante os desafíos que abre o cambio climático e a consecuente subida da temperatura da auga, o Centro de Investigación Mariña (CIM) da Universidade de Vigo en colaboración con atlanTTic (Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación) e a Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación do campus de Pontevedra poñen en marcha Misión Azul, un proxecto de alfabetización científica mariña e de formación do profesorado. A iniciativa busca achegar ás novas xeracións a problemática do cambio climático no medio mariño dun xeito atractivo, fusionando TIC, ciencias mariñas, comunicación e didáctica para crear un videoxogo interactivo. “Trátase de dar a coñecer a ciencia e a tecnoloxía aos máis novos e por extensión a toda a sociedade. Un obxectivo particular é promover as vocacións STEM espertando a preocupación por explorar, descubrir, explicar, contrastar e resolver, proporcionando tamén unha serie de ferramentas didácticas que acompañen a quen se encarga da súa educación”, salienta Daniel Rey, director do CIM-UVigo. O proxecto, financiado con 27.500 euros pola Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT) do Ministerio de Ciencia e Innovación, permitirá “trasladar á sociedade temas de gran relevancia e impacto social a través de ferramentas innovadoras en educación científica en materia de cambio climático no ámbito mariño, empregando como modelo un espazo mariño protexido”.
Unha iniciativa multidisciplinar
Misión Azul é un proxecto innovador que fusiona catro disciplinas tan diferentes como as ciencias mariñas nas que se centra o CIM como líder da iniciativa, as TIC, nas que traballará atlanTTic, e a comunicación e a didáctica, área da que se ocupará a Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación. Confórmase así un equipo que integra persoal especialista en cambio climático, tecnoloxía, comunicación audiovisual, e didáctica das ciencias e creación de contidos.
O proxecto creará “un videoxogo interactivo de alta calidade que aborde a realidade do impacto que o cambio climático ten nos océanos”, dirixido principalmente a escolares e docentes de educación primaria de toda España, con especial fincapé no alumnado de 5º e 6º. Da man da “Dra. Mar”, as persoas usuarias serán protagonistas da aventura interactuando cun ecosistema mariño protexido, e deberán ir superando misións e problemas reais de ameaza e estrés do ecosistema mariño usando ferramentas que poden conseguir ou construír. “Achegar videoxogos e contidos didácticos é unha combinación moi motivadora para os rapaces e rapazas, o profesorado e as familias. Sobre todo cando se prantexa un videoxogo que non ten por que semellar infantil de aspecto, e que podes gozar teñas a idade que teñas. Por suposto, é idóneo para achegar a ciencia aos máis pequenos e pequenas, promovendo vocacións científicas e incrementando a cultura científica en xeral, tan necesaria neste mundo de bulos e falsas verdades”, explica Antonio Pena, investigador de atlanTTic.
O videoxogo complementarase con dúas unidades didácticas dirixidas ao profesorado de primaria sobre os sete principios básicos da alfabetización oceánica, os efectos do cambio climático sobre o océano e o papel da investigación na súa prevención, mitigación e xestión. “Estas unidades permitirán afondar máis nos contidos e converteranse en poderosas ferramentas para que o persoal docente dos centros educativos poida desenvolver sesións específicas nas súas aulas de xeito motivador sobre un dos maiores desafíos actuais do planeta e a humanidade”, asegura Beatriz Legerén, docente da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación.
O equipo contará para a adaptación didáctica dos contidos científicos desenvolvidos co asesoramento continuo de persoal docente e investigador e de Alberto García, docente cunha ampla experiencia na introdución de proxectos de investigación no sistema educativo e representante da Unión Española de Cooperativas de Enseñanza (UECE), que aglutina a 600 cooperativas de ensinanza e centros educativos de economía social a nivel estatal con máis de 277.000 alumnos e alumnas e 175.000 familias.
Fonte: DUVI.


