Este luns, véspera da celebración do Día Internacional das Mulleres, Mar Masulli, Pepa Sedó, Carolina López, María Benítez, Rocío Lara, Ainoa Castro, Noemí Rabasco e Antía Fernández foron as protagonistas da terceira edición das Xornadas técnicas AER-UVigo, centradas na contribución das mulleres ao sector da automatización e da robótica. A actividade estivo organizada pola Asociación Española de Robótica e Automatización, AER, e a Universidade de Vigo, baixo a coordinación do profesor da Escola de Enxeñería Industrial José Ignacio Armesto. Nesta ocasión as xornadas puxeron o foco en proxectar o papel das mulleres en dous sectores nos que a presenza feminina segue a ser, pese aos avances acadados, aínda minoritaria.
“Todas estas mulleres son pioneiras e verdadeiros exemplos a seguir”, recalcou na inauguración das xornadas a vicerreitora de Investigación, Belén Rubio. Xunto a ela participaron tamén o xerente de AER, Alex Salvador, e o presidente de AER Automation, Salvador Giró, aos que se sumou o alcalde de Vigo, Abel Caballero. Todos subliñaron a importancia da incorporación das mulleres ás carreiras STEM, “que isto sexa a norma e non a excepción”, tal e como destacou o xerente de AER, quen tamén salientou que se trata de sectores laborais con grandes perspectivas de futuro. Ademais de felicitalas polas súas traxectorias, a vicerreitora de Investigación destacou tamén a importancia de “non prescindir do talento da metade da poboación” en dous ámbitos que son claves para a economía, “tanto a curto como medio prazo, e que supoñen todo un cambio de paradigma para o emprego”.
“Hai ofertas laborais nas que de cada 30 currículos, só un é de muller”
Celebrada de xeito totalmente virtual, a mesa redonda contou coa participación de mulleres directivas de diferentes empresas asociadas a AER Automation, como Mar Masulli, CEO & Co-founder de Bitmetrics; Pepa Sedó, R&I Policies and Funding Programmes de Eurecat; Carolina López, Chief Technology Officer de Infaimon; María Benítez, Chief Marketing Officer de Robotnik e Rocío Lara, responsable da Área Educativa de Ro-Botica. Xunto con elas, interviñeron tamén unha alumna do Grao en Electrónica Industrial e Automática da UVigo, Ainoa Castro, e outra de Formación Profesional, Noemí Rabasco, que cursa o Grao superior en Automatización e Robótica Industrial. Encargouse de exercer como moderadora Antía Fernández, directiva do centro tecnolóxico Gradiant, onde exerce como R&D Codirector of Intelligent Systems Area.
Cada unha delas achegou as súas experiencias, relatou como foi o seu proceso de formación e traxectoria laboral en eidos maioritariamente masculinizados, e unírono co relato do traballo que desenvolven na actualidade nos grupos de traballo AER que lideran. “Somos unhas auténticas namoradas das tecnoloxías”, explicou Carolina López, ao que María Benítez, engadiu que “hai ofertas laborais nas que, de cada trinta currículos, só un é de muller”, unha escaseza de profesionais que Antía Fernández achacou a que “falta que se formen, que se matriculen neste tipo de titulacións STEM para que logo nos poidan chegar currículos ás empresas”.
Elas son enxeñeiras de telecomunicación, industriais ou, mesmo, xornalistas, con traxectorias profesionais vinculadas desde sempre ao mundo da I+D, da industria 4.0, da intelixencia e visión artificial, da saúde, do deseño e impresión 3D, etc., multitude de sectores porque, tal e como elas mesmas destacaron, a automatización e a robótica están presentes na inmensa maioría de actividades industriais.
Fonte: DUVI.


