Mulleres do sector da ciberseguridade proxectarán no campus de Vigo as súas experiencias profesionais

Vigo TecnolóxicoActualidadeMulleres do sector da ciberseguridade proxectarán no campus de Vigo as súas experiencias profesionais

O evento únese ás Xornadas AER-UVigo co gallo da celebración do 8M

Coincidindo coa celebración o 8 de marzo do Día Internacional das Mulleres, o campus de Vigo acollerá unha mesa redonda centrada en poñer en valor o papel da muller no eido da ciberseguridade. O evento terá lugar o próximo 9 de marzo e completa a aposta da UVigo pola visibilización da contribución das mulleres á enxeñaría, tema se que abordará tamén o día 7 nas Xornadas AER-UVigo, poñendo o foco neste caso na automatización e na robótica.

O profesor José Ignacio Armesto, do Departamento de Enxeñaría de Sistemas e Automática, é o encargado de coordinar ambas actividades, encamiñadas a contribuír “ao fomento das vocacións STEM en xeral, e femininas en particular, visibilizando nas mesas a mulleres profesionais referentes destes sectores, por unha banda a automatización e a robótica e, por outro, a ciberseguridade. As convidadas falarán, entre outras cuestións, sobre as súas motivacións e experiencias ao longo do seu percorrido profesional”.

As mulleres no ámbito da ciberseguridade

A Xornada Mulleres e Ciberseguridade celebrarase en formato híbrido o día 9 ás 11h na sala I do edificio Miralles, e emitirase pola canle 1 de UVigoTV. O evento está organizado por Ana Fernández Vilas, directora do Máster Interuniversitario en Ciberseguridade (MUNICS), e polo devandito profesor José Ignacio Armesto. A idea xurde, como relata Armesto, “a partir da participación de Esther Mateo, directora xeral de seguridade en ADIF nas xornadas de apertura do título propio de especialista en ciberseguridade industrial”. Foi a través dela como conseguiron contar coa implicación nesta mesa redonda de Rosa Díaz, directora xeral de Incibe, “que é un dos máximos cargos nacionais da administración central no eido da ciberseguridade”. Ambas participarán en modalidade virtual, mentres na sala I do edificio Miralles estarán presentes a propia Ana Fernández Vilas; Belén Pérez, CISO do Grupo Nueva Pescanova e Susana Rey, da Oficina en R e tamén egresada da Universidade de Vigo.

Este evento nace da man do Máster MUNICS, o título de especialista ECSI e a cátedra R, “que fan que a UVigo sexa un referente no eido da formación en ciberseguridade”, recalca Armesto, que engade que ambas titulacións, unha oficial e outra propia, “figuran nos catálogos de Incibe”.

Fonte: DUVI.