A UVigo participa no proxecto europeo VRxanny que aposta pola realidade virtual para reducir o estrés do alumnado

Vigo TecnolóxicoActualidadeA UVigo participa no proxecto europeo VRxanny que aposta pola realidade virtual para reducir o estrés do alumnado

Esta semana tivo lugar en Polonia a reunión de lanzamento da iniciativa financiada polo programa Eramus+

A Universidade de Vigo será unha das primeiras universidades a nivel mundial en empregar a realidade virtual para reducir a ansiedade e o estrés do alumnado universitario. Farao como socia do proxecto europeo VRxanny, Virtual reality for anxiety and mental stress reduction in university students, un traballo financiado polo programa Eramus+ e liderado pola Universidade Politécnica de Lodz en Polonia, do que tamén forma parte a Tartu Ulikool, o centro de ensino superior máis antigo de Estonia. Este mércores e xoves tivo lugar en Lodz a reunión de lanzamento do proxecto, e nela contouse coa participación do profesor da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación Íñigo Cuiñas, un dos once investigadores da Universidade de Vigo que forma parte do equipo de traballo encargado da posta en marcha e desenvolvemento do proxecto.

Trátase de mellorar o benestar do alumnado que padece estrés e ansiedade, sobre todo ante os exames ou a presentación de traballos, e para logralo prevese a creación dos denominados ‘lugares de descanso’ nos que as alumnas e alumnos poidan relaxarse –por exemplo, xusto antes do exame- nunha contorna virtual. “O deseño parte de espazos con tres postos de actividade con realidade virtual e cada un deles deberá estar equipado con sistemas de mobilidade, imaxe e audio que permitan que a experiencia sensorial sexa completamente inmersiva, o que lles facilitará abstraerse do mundo que os rodea”, explica Íñigo Cuiñas, ao que engade que a aplicación terá escenarios e actividades que fomenten a relaxación e o benestar.

O proxecto está financiado polo programa Erasmus+ con 300.000€ e prolongarase ata finais de 2023. As actividades arrancaron esta semana coa reunión de lanzamento e, a partir de agora, levarase a cabo o deseño da aplicación de realidade virtual, a adquisición do equipamento para os tres postos que se crearán en cada universidade participante, as probas reais con estudantes e as diferentes actividades de difusión da iniciativa.

A UVigo participa en todos os módulos do proxecto

A UVigo colaborará coa Politécnica de Lodz no desenvolvemento da aplicación de realidade virtual para reducir o estrés, coordinará as tarefas de empatía cos estudantes baseadas en Design Thinking para o deseño dos espazos de descanso, y participará co resto do consorcio nas probas da aplicación en situacións reais. “Ademais, teremos unha boa responsabilidade na documentación e na difusión dos resultados, a nivel científico e pedagóxico, pero tamén a nivel social”, explica o investigador vigués, quen leva varios meses vivindo en Lodz realizando unha estadía co grupo da Politécnica participante en VRxanny.

En canto aos participantes, o grupo de traballo da UVigo está formado por once persoas, cinco mulleres e seis homes cunha banda de idade entre os 45 e o 55 anos, buscando o equilibrio de xénero. “É un equipo multidisciplinar, aínda que con máis peso por parte da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación e do centro de investigación atlanTTic; hai persoas dos departamentos de Teoría do Sinal e Comunicacións, Enxeñaría Telemática, Deseño na Enxeñaría e Didácticas Especiais”, salienta Cuiñas.

Fonte: DUVI.