A Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía entrega os seus premios ás mellores fotos e curtametraxes enerxéticas

Vigo TecnolóxicoActualidadeA Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía entrega os seus premios ás mellores fotos e curtametraxes enerxéticas

Os concursos de fotografía e de curtametraxes que organiza a Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía (EEME) téñense convertido xa nun clásico para o centro. A través deles, búscase dar a coñecer as titulacións que se imparten na EEME e fomentar o uso sostible dos recursos minerais e enerxéticos, converténdose nun escaparate da profesión e un punto de encontro coa sociedade. Este xoves o vestíbulo da escola acolleu a entrega dos premios dos dous certames, un acto que tamén se retransmitiu online e que contou coa presenza do subdirector de Relacións Exteriores e Mobilidade, Santiago Pozo, encargado de dar a coñecer as persoas gañadoras.

Néboa, gañadora do concurso de fotos

Ao concurso de fotografía Enfoca.RME presentáronse 50 instantáneas chegadas non só dende a comunidade da UVigo, senón tamén dende universidades de fóra de Galicia e mesmo de Italia ou Sudamérica, como explicaba o subdirector, o que demostra que se trata dunha proposta “consolidada que se vai facendo cada vez máis forte”. Finalmente, o xurado decidiu que o primeiro premio fose para Néboa, unha imaxe presentada por Elena Domínguez Estévez, que amosa unha explotación a ceo aberto cuberta pola brétema.

O segundo posto foi para Raiando o sol, de Luisa Álvarez Zaragoza, que a través de Campus Remoto deu as grazas ao xurado e remarcou que participar neste certame é “un xeito de poñer en valor o noso sector, de velo dende unha perspectiva artística e non coa frialdade coa que se nos trata moita veces”. Explicou que a súa imaxe trata de transmitir o traballo diario da xente do sector mineiro e de amosar “a compatibilidade con outras actividades do rural”. O accésit nesta categoría foi para Tuberías en central térmica, de José Manuel Maiquez, mentres que na categoría júnior entregouse o primeiro premio á foto Enorme belleza, de Inés Rocío García Rodríguez, que amosa un aeroxenerador nunha imaxe en contrapicado dende a base ata o ceo.

Todas as fotografías presentadas están recollidas nunha exposición que dende hoxe pode visitarse no vestíbulo da escola. Ademais, como avanzou Santiago Pozo, dende a escola tratarase de darlles toda a visibilidade posible empregándoas en cartelaría e campañas promocionais do centro.

O aire comprimido, primeiro premio no certame de curtas

No que atinxe ao concurso Curtametraxes Enerxéticas, o traballo gañador foi un vídeo didáctico no que se explica o funcionamento do almacenamento de enerxía mediante o uso de aire comprimido, coñecido como sistema CAES. A peza está elaborada por Luis Fraile, Marta Carrasco, Javier Moya e Martina Sáenz de Miera, que agradeceron o premio e destacaron a utilidade deste tipo de concursos para dar a coñecer “os distintos tipos de enerxía e os métodos para poder obtela”. O segundo posto acadouno Bioetanol para un futuro verde, un proxecto presentado por Borja Turrel, Paul Mille, Javier Méndez, Lorenzo Palomo e Iñaki Rapún. Ambos traballos poden verse na canle de Youtube da EEME.

Outros certames

Estes dous certames únense ao resto de propostas que a EEME organiza ao longo do curso, como Escava_Rme, un concurso que reta o alumnado de 3º e 4º da ESO, Bacharelato e de ciclos formativos a construír un equipo que sexa capaz de remover e de cargar material, ou o concurso Enerxiza.Rme, que ten como obxectivo construír unha maqueta eficiente. Outra das apostas do centro é o concurso de fotografía Mulle_Rme 2021, que busca dar visibilidade á muller nas actividades relacionadas coa profesión de enxeñaría de minas e enerxía, ou o certame de improvisación oral Eme_Pakuxa, organizado en colaboración coa Delegación de Alumnado, que ten como obxectivo que as e os estudantes do centro amosen o seu potencial orador.

Fonte: DUVI.