O pasado venres 11 tivo lugar na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da UVigo a xornada DocTIC que avalía o progreso dos traballos do alumnado do Programa de Doutoramento Internacional en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (DocTIC). Tras 9 edicións celebradas, “a xornada ten unha gran aceptación e constitúe xa un dos eventos máis esperados entre o persoal de investigación de atlanTTic, converténdose nun dos ‘eventos tradicionais’ desta escola”, recoñece o docente e investigador da UVigo e coordinador de DocTIC, Manuel García Sánchez. A celebración deste encontro permite avaliar un gran número de estudantes e facer suxestións que melloran o seu traballo de investigación. “Acadamos os obxectivos que perseguimos e isto é moi positivo”, asegura o coordinador.
A xornada contou coa participación de 57 estudantes dos 73 matriculados neste curso no programa DocTIC, alcanzando unha media eleveda de matriculacións “ademais de lograr o ano pasado a re-acreditación do programa, o que indica que imos polo bo camiño e podemos seguir progresando”, sinala Manuel García. O coordinador salienta ademais o recoñecemento internacional do programa, que presenta máis dun 50% de estudantes estranxeiros.
Avaliacións en liña e unha vintena de pósters
Arquitecturas e servizos telemáticos; comunicacións dixitais; electrónica de comunicacións; bioenxeñaría; procesado de sinal; comunicación radio; comunicacións ópticas; teledetección e radionavegación e redes de datos son as nove áreas nas que se enmarcan os traballos presentados na xornada de avaliación anual obrigatoria para o alumnado, que nalgúns casos acaba de empezar a súa investigación e, noutros, está a piques de presentar a tese. Ademais da avaliación, a xornada ten unha importante perspectiva formativa, xa que “ao ter o formato de sesións póster de congreso internacional (todo en inglés), aprenden a preparar, presentar e defender un póster cos seus resultados de investigación e tamén poden ver como o fai o resto dos seus compañeiros. Así mesmo, facilítalles a interacción, podendo ver os máis noveis como os máis experimentados abordan e resolven problemas que se presentan na súa investigación e, ás veces, incluso un método utilizado por un vale para o problema doutro”, explica o coordinador do programa. A avaliación permite, por outra banda detectar posibles problemas na dirección das teses e, por último, tamén serve ao profesorado da Escola e do centro atlantTTic para coñecer as liñas de investigación que desenvolven outros grupos, “xa que, aínda que convivimos a diario no mesmo espazo, ás veces fáltanos tempo para esta actividade tan importante que pode dar lugar a colaboracións entre diferentes grupos de investigación”, recoñece Manuel García.
Máis información: DUVI.


