O resultado do certame da Axencia Espacial Europea (ESA) coñecerase o 14 de decembro
Logo de gañar os certames rexionais organizados pola Axencia Espacial Europea (ESA), Galileo e Copernicus Masters Galicia 2021, o equipo UVigo SpaceLab foi quen de quedar finalista a nivel europeo do Copernicus Masters co seu proxecto Caminito, abreviatura de Camera Based Infraestructure Integrity Tracking From Orbit, unha proposta na que as imaxes da constelación Copernicus serían usadas para a xestión e coidado do Camiño de Santiago. “Estamos entre os tres finalistas europeos do talent de Copernicus e o 14 de decembro sairemos de dúbidas”, explica Manuel Diz, director executivo responsable de xestión de proxectos do equipo UVigo SpaceLab. Este mediodía Diz xunto a unha representación do equipo, integrado por alumnado de varias enxeñarías da UVigo e patrocinado polo Campus Vigo Tecnolóxico entre outros, recollía de mans da directora xeral de Zona Franca, Inés González, e do reitor Manuel Reigosa, os premios rexionais Galileo e Copernicus Masters Galicia 2021, polos proxectos Adagio e Caminito, respectivamente.
“Levamos traballando nestas dúas propostas desde o verán deste ano e este premio rexional e a clasificación para a final do certame europeo significa que o alumnado da UVigo ten a capacidade para facer misións aeroespaciais de todo tipo”, destaca Diz. Os e as integrantes do equipo UVigo SpaceLab, que este curso supera os 30 estudantes dos campus de Vigo e Ourense, teñen claro que BIXO, Bacteriological Intercommunication Experiment in Orbit, unha misión biolóxica que ten por obxectivo analizar os efectos reais da exposición prolongada dos microorganismos ao medio espacial, é a súa prioridade, aínda que non rexeitan a posibilidade de presentar outras propostas innovadoras no sector aeroespacial .
O vindeiro 14 de decembro coñecerase a resolución do concurso europeo Copernicus Masters, un certame que se celebra desde o ano 2011 por iniciativa da Axencia Espacial Europea como parte da súa misión de fomentar a captación de usuarios do programa de Observación da Terra Copernicus. Nesta década máis de 3.000 persoas de 70 países participaron no certame, que premia as mellores ideas innovadoras e desenvolvementos que usan datos de observación da Terra para abordar desafíos sociais e empresariais. Máis dun cento de persoas gañaron ata o de agora o concurso, que outorgou nestes dez anos uns 4,3 millóns de euros.
Caminito, imaxes de satélites para a xestión e coidado do Camiño de Santiago
O proxecto co que UVigo SpaceLab foi seleccionado para a final europea e gañou o certame rexional do concurso Copernicus Masters, Caminito, é, segundo os seus autores e autoras “unha proposta revolucionaria onde as imaxes da constelación Copernicus serían usadas para a xestión e coidado do Camiño de Santiago”. O obxectivo do proxecto é achegar información para a prevención e actuación ante posibles incidencias, así como para o estudo da vexetación e masas de auga para detectar posibles desprendementos, e en xeral, calquera ameaza para a seguridade das e dos peregrinos.
Pola súa banda, Adagio, abreviatura de Attitude Determination Augmentation Using Galileo Signal Intensity In Orbit, proxecto co que o equipo de alumnos e alumnas gañou a fase rexional do concurso Galileo Masters Galicia 2021, propón utilizar o Sistema Global de Navegación por Satélite Galileo para o cálculo e redirección da orientación de nanosatélites. “Esta idea baséase no uso de varias antenas que, comparando sinais procedentes de diferentes satélites Galileo, lograsen calcular a altitude da nave. Esta alternativa faría posible un subsistema ADCS exterior, liberando espazo para a carga útil dentro dos satélites”, detalla Manuel Diz.
Inicio da fabricación de BIXO prevista para o inicio de 2022
Con máis dunha trintena de estudantes das escolas de Enxeñaría Industrial, Telecomunicación, Minas e Enerxía, Informática e Aeronáutica e do Espazo integrados no equipo UVigo SpaceLab deste ano, o alumnado acadou significativos avances no proxecto BIXO nos últimos meses. Dunha banda, o equipo xa ten a estrutura e deseño dalgúns dos sistemas de BIXO, “que se agarda comezar a fabricar a principios do ano 2022”, avanza Diz, que, doutra banda, tamén destaca a construción dunha estación base de banda S que permite unha alta taxa de descarga de datos, superior ás utilizadas ata o de agora pola UVigo en misións previas.
Fonte: DUVI.


