Persoal de investigación de atlanTTic e da Escola de Telecomunicación participan no proxecto europeo Worldplaces

Vigo TecnolóxicoActualidadePersoal de investigación de atlanTTic e da Escola de Telecomunicación participan no proxecto europeo Worldplaces

A iniciativa aposta por fomentar a integración laboral das mulleres migrantes

O mercado laboral é un dos principais escenarios nos que se materializa e se reproduce a desigualdade de xénero. Se á condición de ser muller se lle une ademais a de ser migrante, os retos multiplícanse na loita pola igualdade. Neste contexto, o proxecto europeo Worldplaces. Workplaces working for women’s integration, no que participa un grupo multidisciplinar de persoal docente e investigador da Universidade de Vigo, aposta polo fomento da integración laboral das mulleres migrantes a través da creación de redes de mulleres.

A iniciativa está financiada pola Comisión Europea a través da Convocatoria AMIF-2020-AG-CALL (Transnational Actions on Asylum, Migration and Integration) e conta cun orzamento total de arredor dun millón de euros. A Universidade de Vigo participa a través do atlanTTic (Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación) con persoal docente e investigador da Escola de Enxeñería de Telecomunicación, da Facultade de Educación e Traballo Social e da Facultade de Filoloxía e Tradución. Coordinado polo catedrático Manuel Fernández, o equipo de Worldplaces na UVigo está integrado por Pino Díaz, Carmen Ricoy, Edita de Lorenzo, Maribel del Pozo, Íñigo Cuíñas, Enrique Costa, Manuel Caeiro e Joseba Delgado. Xunto á UVigo, en Worldplaces colaboran entidades de Grecia, Alemaña, Portugal, Bélxica, Italia e Austria, sendo liderada pola Cooperativa Sociale Quid de Verona (Italia).

Rede local sostible e permanente

O obxectivo a medio prazo deste proxecto, que acaba de comezar a súa andadura de tres anos, é “crear unha rede local sostible e permanente, a rede Worldplaces-Workplaces Working for Migrant Women Integration”. A misión desta rede será “proporcionar un marco virtual, escalable e específico para o ecosistema, para que o sector público, as organizacións sen ánimo de lucro e os empregadores con ánimo de lucro, desenvolvan e compartan as súas experiencias e mellores prácticas que fomenten a integración das mulleres inmigrantes pouco cualificadas a través do lugar de traballo”. A rede dirixirase a sete países do consorcio e desenvolverase noutros catro países na primeira metade da acción. O equipo multidisciplinar da UVigo que participa na iniciativa centrará o seu traballo en tarefas como o deseño, a aplicación e a pilotaxe de ferramentas de liderado e emprego inclusivo; de ferramentas de mediación lingüística e cultural e de ferramentas para a vida laboral, a familia e a comunidade.

Fonte: DUVI.