Os proxectos de corte sociosanitario copan as presentacións dos LPRO Days da EE de Telecomunicación

Vigo TecnolóxicoActualidadeOs proxectos de corte sociosanitario copan as presentacións dos LPRO Days da EE de Telecomunicación

Durante o 13 e 14 de maio tivo lugar a visita do alumnado e representantes das empresas, así como a entrega de premios.

Os proxectos de corte sociosanitario –axuda ao coidado de persoas maiores, bebés e grandes dependentes- coparon este ano os LPRO Days. Trátase da presentación de traballos do alumnado de grao da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación que está a piques de titularse, todo un escaparate tecnolóxico das solucións TIC formuladas polos profesionais que en breve se incorporarán ao mercado laboral. En 2020 as xornadas tiveron que celebrarse de xeito virtual por mor da pandemia, pero este ano puideron retomar xa o seu formato presencial de forma limitada e cumprindo de xeito estrito as limitacións provocadas pola covid-19.

“Co obxectivo de evitar as posibles aglomeracións que se puideran producir tomáronse múltiples precaucións, entre elas reducir o tempo dedicado a esta actividade a dúas tardes, con horario reducido, ampla separación entre cada posto e máximo de cinco persoas por expositor, entre outras medidas”, explica o profesor Manuel Caeiro, coordinador desta materia. O xoves 13 as visitas estiveron limitadas ao persoal e alumnado do centro, e durante venres 14 foi a quenda dos representantes das empresas (Imatia, Marine Instuments, Cetmar, Ultreia, Quobis, Enxeñaría Sen Fronteiras…). Ademais, como colofón final, tivo lugar no salón de actos unha entrega de premios a cargo de Gradiant e Optare, coa participación exclusiva dos equipos e da representación das empresas.

En total presentáronse 15 proxectos realizados ao longo dos últimos meses por un total de 66 alumnos divididos en grupos e titorizados por 18 docentes da escola.

Roupa tecnolóxica, comunicación con grandes dependentes y vixiabebés intelixentes.

Entre os proxectos de corte  sociosanitario está Morpheus, un vixiabebés que incorpora algoritmos intelixentes para axudar a previr a síndrome de morte súbita do lactante; Facelet, unha plataforma de acompañamento para persoas con deterioro cognitivo; Eppsy, unha rede de sensores para a monitorización de crises epilépticas que lle facilita ao persoal sanitario un seguimento continuo do paciente; ou Mangio!, unha aplicación que permite a elaboración dun plan de alimentación personalizado para facilitar o seguimento de boas pautas de nutrición, atendendo tanto as necesidades do usuario a través de criterios nutricionais como aos seus gustos.

A roupa tecnolóxica tamén se fixo oco nesta edición. Neste sentido, Caring4U presentou un dispositivo de vestimenta con xeolocalización que permite a detección de caídas e conta cun botón de emerxencias para chamadas. O equipo establece zonas seguras para o usuario, enviando avisos á aplicación móvil no caso de ser abandoadas, por exemplo por caídas. Máis específico é FireHealth, pensado para implementarse na indumentaria dos bombeiros e monitorizar e visualizar as súas constantes en tempo real, facilitando o rescate –sistema de localización- en caso de emerxencia.

Ao ámbito sociosanitario pertence tamén aidTalk, un sistema texto a voz controlado coa mirada pensado para mellorar a comunicación dos grandes dependentes. Funciona en base a un sistema de visión por computador que recoñece a cara do usuario e infire o punto da pantalla ao que mira, proxectándoo sobre unha interface que lle permite escribir e comunicarse. Este proxecto foi seleccionado para participar na Open AI Competition 2021, un certamen internacional patrocinad por Microsoft, Intel e OpenCV.

Monitorización para lobos, sistemas TIC que facilitan a compra e o aparcamento.

Ao marxe das cuestións máis relacionadas coa saúde e os coidados, o alumnado da ETT puxo tamén sobre a mesa outras alternativas tecnolóxicas dispostas a facerse un oco no mercado. Desde un sistema de xestión de aparcamentos con funcionalidades que optimizan a súa ocupación (AparCar), ata outro baseado en Internet das Cousas para monitorizar o percorrido de animais salvaxe, máis concretamente lobos, a través dun colar non intrusivo, autónomo e económico, e un algoritmo de localización para estimar a posición (Luada).

De cara a axilizar e facer máis cómoda a compra no súper, outro dos equipos (MercAxiña), propón un sistema integrado no carriño conectado cunha aplicación móbil que inclúe funcionalidades  como a detección dos produtos inscritos na listaxe da compra, pesado de produtos a granel, actualización en tempo real da lista da compra, pago dende a app…

O resto de proxectos que tamén se presentaron nesta edición foron: Mandjet, sistema de estabilización dun barco; Force Strategies, sistema de mantemento preditivo para motores; SpeechStats, con distintas utilidades a partir do audio dunha reunión; ePick!, unha pastilla óptica que usa luz infravermella para capturar o son das cordas dunha guitarra, ou Wookey, que busca a mellora dun produto xa existente (Wokey) dirixido a controlar e xestionar o acceso a instalacións.

Máis información.