O seu proxecto céntrase no paradigma da criptografía post-cuántica
Os investigadores do Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación (atlanTTic) da Universidade de Vigo, Alberto Pedrouzo e Fernando Pérez, foron recoñecidos co Premio de Investigación Ernesto Viéitez Cortizo 2021que outorga a Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) na súa modalidade de investigación sénior. O galardón, que será entregado o vindeiro 27 de outubro no Pazo de San Roque en Santiago, pon en valor o seu proxecto centrado no paradigma da criptografía post-cuántica co deseño de esquemas homomórficos máis eficientes e seguros fronte a futuros ataques cuánticos. O traballo de Pedrouzo e Pérez enmárcase nun equipo que conta tamén co investigador da Escola Politécnica Federal de Lausana (EPFL) en Suíza, Juan Ramón Troncoso, e con Nicolás Gama e Mariya Georgieva da empresa Inpher.
Esquemas homomórficos máis eficientes fronte a ataques cuánticos
Segundo explica Alberto Pedrouzo, a criptografía clásica permite, grazas ás técnicas de cifrado, preservar a privacidade da información sensible tanto en almacenamento como nas comunicacións, aínda que advirte que este tipo de ferramenta non é suficiente para protexerse dun terceiro non confiable que ten que facer uso dela. Algúns exemplos desta situación inclúen desde a computación na nube ata as buscas que se fan na Internet.
O investigador da UVigo afirma que a seguridade de moitos dos esquemas criptográficos empregados actualmente baséase na dificultade de resolver eficientemente certos tipos de problemas matemáticos. Así, desafortunadamente, unha gran parte destes esquemas veríanse seriamente afectados pola aparición dun ordenador cuántico o suficientemente potente, “con repercusións directas na privacidade e integridade das nosas conversacións por Internet, ata mesmo na seguridade das nosas transaccións bancarias”.
O traballo premiado encaixa, por unha banda, dentro do paradigma da criptografía post-cuántica, que persegue deseñar esquemas criptográficos resistentes fronte a ataques realizados, non só por ordenadores clásicos, senón tamén por parte dun ordenador cuántico. Desta forma, os e a autora exploran novas familias de esquemas criptográficos que, polo que se coñece hoxe en día, permiten manter esta propiedade de resistencia cuántica, pero á vez, tamén resultan ser máis eficientes que os actuais. Entre as numerosas aplicacións desta familia de problemas, os autores fan especial fincapé na mellora dun mecanismo máis avanzado, como é o caso das primitivas de criptografía homomórfica. Neste ámbito perséguese deseñar esquemas capaces de traballar coa información cifrada, sen necesidade de descifrala previamente. Os resultados acadados polos investigadores enfrontan as dúas situacións anteriores, deseñando esquemas homomórficos máis eficientes e seguros. Nun mundo competitivo como o da investigación, Pedrouzo resalta o labor da RAGC para ofrecerlle maior visibilidade, asegurando que a distinción “é un gran incentivo que recoñece o valor da investigación nestas temáticas”, ademais de motivalo para seguir traballando con máis ganas.
Fonte: DUVI.


