Os II Premios GirlGeekCovid recoñecen a catro alumnas como referentes STEM para as futuras xeracións de científicas e tecnólogas

Vigo TecnolóxicoActualidadeOs II Premios GirlGeekCovid recoñecen a catro alumnas como referentes STEM para as futuras xeracións de científicas e tecnólogas

Os galardóns están promovidos pola UVigo e a Deputación de Pontevedra

Ana Ramírez, estudante do Mestrado en Biotecnoloxía Avanzada, e Marielena Márquez, do de Enxeñaría de Telecomunicación, son as dúas alumnas gañadoras da segunda edición dos Premios GirlGeekCovid, un recoñecemento co que a Universidade de Vigo e a Deputación de Pontevedra poñen en valor os mellores expedientes femininos nas carreiras de Ciencias e Enxeñaría da UVigo, áreas nas que as mulleres apenas representan o 32% do alumnado. Xunto a elas, foron tamén recoñecidas con cadanseu accésit, Uxía López, do Grao en Química, e Andrea Busto, alumna do Mestrado de Telecomunicación. As catro teñen expedientes académicos brillantes e as catro son un excelente exemplo do bo facer das mozas nas denominadas titulacións STEM ou CTEM, siglas en inglés e español de Ciencias, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas.

A entrega de premios, enmarcada nas actividades da Cátedra de Feminismos 4.0, tivo lugar na sede da Deputación de Pontevedra en Vigo, e contou coa participación do reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, e a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva. Ambos remarcaron a importancia de “visibilizar” a excelencia das mozas que estudan STEM, que teñen uns currículos extraordinarios e que, polo tanto, “son referentes para outras nenas e outras mozas que teñen que decidir a que se van dedicar, unha decisión transcendental que só deberían tomar desde a liberdade”, enfatizou a presidenta da Deputación.

“Ser muller e ter éxito no ámbito STEM é máis que posible”

As gañadoras do primeiro premio recibirán cada unha 2.000 euros e as alumnas galardoadas cun accésit 1.000. O xurado valorou tanto o expediente académico como a motivación das mozas, que presentaron unha carta na que amosaron, por unha banda, as razóns que as levaron a optar por realizar estudos universitarios no ámbito das STEM e, por outra, onde reflexionaron sobre a súa experiencia persoal como mulleres nun ámbito tradicionalmente masculinizado.

“Estamos aquí para reivindicar que se valoren os nosos éxitos e as nosas contribucións nun mundo no que, ademais das dificultades convencionais, temos que afrontar aquelas que derivan do feito de ser mulleres”, recalcou tras recoller o premio Ana Ramírez, gañadora da categoría de Ciencias. “É fundamental que loitemos xuntos para destruír os estereotipos que aínda existen para que no futuro as nenas escollan libremente a que se queren dedicar e saiban que poden ter éxito en todos os campos do coñecemento e que os seus éxitos serán recoñecidos”, recalcou esta moza bióloga, ao tempo que fixo fincapé en que “ser muller e ter éxito no ámbito STEM é máis que posible”.

No caso da gañadora na categoría de enxeñaría, Marielena Márquez, animou a todas as alumnas universitarias a seguir loitando porque “as mulleres sexan visibles en todos os ámbitos da ciencia e a tecnoloxía”. Ademais de á propia Universidade e á deputación, agradeceu o premio a todos os docentes e compañeiros que formaron parte da súa vida académica, “que non só nunca me puxeron trabas, senón que sempre me impulsaron a chegar a ser o que son hoxe, enxeñeira de telecomunicación”.

En enxeñaría só o 23% das persoas matriculadas son mulleres

Aínda que a distribución do alumnado na Universidade de Vigo é paritaria (48% de homes e 52% de mulleres), segundo se desprende do seu Observatorio de Igualdade de 2021, o xénero feminino mostra maior presenza en tres das catro ramas de coñecemento: artes e humanidades, ciencias da saúde, e ciencias sociais e xurídicas, cunha sobrerrepresentación do 72%, 76% e 61%, respectivamente.

Doutra parte, do mesmo xeito ca o ano anterior, a rama de enxeñaría e arquitectura presenta unha forte masculinización, xa que o 77% do alumnado son homes e o 23% mulleres. Esta fenda é aínda máis relevante se se ten en conta que o alumnado matriculado nestas áreas de coñecemento representa o 27,5% do total. Ademais, estes ámbitos son os que concentran o groso das carreiras STEM que se imparten na universidade. En total, das 7.615 persoas que estudan ciencias e enxeñaría e arquitectura, só o 32% son mulleres. Apréciase por tanto que a fenda de xénero entre ramas de coñecemento persiste, así tamén os típicos estereotipos de xénero, pois as mulleres mostran preferencia por carreiras relacionadas con tarefas administrativas, o coidado e temáticas sociais. En cambio, os homes inclínanse por elixir carreiras relacionadas coa tecnoloxía e coa ciencia.

Águeda Gómez, directora da Unidade de Igualdade e da Cátedra de Feminismos 4.0 da Universidade de Vigo, que foi a encargada de conducir o acto de entrega de premios, asegurou que, pese a que hoxe en día as mulleres son maioría nas universidades galegas, “aínda estamos pouco representadas nalgúns ámbitos como o STEM e, máis en concreto, nas disciplinas PECS (Physics, Engineering, Computer, Science)”. Porén, amosouse convencida de que, seguramente en breve, “reverterase esa tendencia”. Para conseguilo, sinalou que “é preciso ciencia e conciencia, convicción e confianza, como a que amosan as gañadoras dos premios GirlGeekCovid”.

Fonte: DUVI.