Os centros de investigación do Vigo Tecnolóxico Cintecx e atlanTTic abren as súas portas á cidadanía

Vigo TecnolóxicoActualidadeOs centros de investigación do Vigo Tecnolóxico Cintecx e atlanTTic abren as súas portas á cidadanía

O CIM, Cinbio e Ecobas da UVigo participan tamén no programa Divulgando Ciencia Singular

Abrir os laboratorios á cidadanía e achegar a investigación científica e tecnolóxica á sociedade. Con estes obxectivos naceu en 2018 o programa Divulgando Ciencia Singular, unha iniciativa para que os centros de investigación da Universidade de Vigo dean a coñecer de primeira man o traballo que desenvolven. Así, dende esta fin de semana e ata finais de novembro, o Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación (atlanTTic) e o Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxías e Procesos Industriais (Cintecx), vencellados ao Campus Vigo Tecnolóxico, desenvolverán actividades diversas para divulgar os seus proxectos de referencia e resultados de investigación. Na iniciativa, cofinanciada pola Xunta de Galicia e pola Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional Unha maneira de facer Europa, participan tamén outros centros situados no campus de Vigo como o Centro de Investigación Mariña (CIM), o Centro de Investigacións Biomédicas (Cinbio) e o Centro de Investigación Economics and Business Administration for Society (Ecobas).

As actividades son de balde e están abertas a todos os públicos, previa inscrición na web cienciasingular.gal.

Cintecx

O 28 de outubro a partir das 16h será o día no que o Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxías e Procesos Industriais reciba á cidadanía. As actividades comezarán coa visita do alumnado do Bacharelato STEM do colexio Compañía de María de Vigo, para o que o Cintecx deseñou un programa que comprende tres obradoiros. Por unha banda, un taller de combustión, no que aprenderán dende os conceptos máis simples ata a súa aplicación a sistemas complexos e reais como motores de combustión, plantas de xeración de enerxía, etc. Unha segunda actividade centrarase na intelixencia artificial, para explicar dun xeito interactivo, a súa aplicación no mundo da enxeñaría. As persoas asistentes resolverán un problema de visión artificial e aprenderán la importancia da compilación de datos, desenvolvendo a súa capacidade resolutiva e súa imaxinación. O programa complétase cun obradoiro de desenvolvemento sostible e biotecnoloxía, no que o alumnado fará experimentos de tratamento de augas coloreadas empregando absorbentes producidos a partir de residuos.

atlanTTic

O Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación abrirá as súas portas ao público xeral a finais do mes de novembro co obxecto de achegar á sociedade o coñecemento xerado no centro, e visibilizar o potencial da institución viguesa para facer fronte a grandes retos globais a través da tecnoloxía. Nesta xornada de portas abertas, o centro de referencia internacional no eido das tecnoloxías de telecomunicación e servizos dixitais ofrecerá visitas guiadas as súas instalacións, obradoiros e demostracións prácticas, e habilitaranse espazos de divulgación nos que investigadores e investigadoras presentarán os seus proxectos e resultados de investigación.

Coma vén sendo habitual, nesta xornada presentarase algunha das liñas e proxectos de investigación máis representativos do atlanTTic en eidos tan diversos como as comunicacións 5G, a intelixencia artificial, a ciberseguridade, a saúde dixital, as tecnoloxías aeroespaciais, etc.

Máis investigación: CIM, Cinbio e Ecobas

Ademais dos centros do Vigo Tecnolóxico, estas xornadas permitirán coñecer o traballo desenvolto noutros centros de investigación situados no campus de Vigo. É o caso do CIM (Centro de Investigación Mariña), que inaugurará o programa este venres 22 presentando a súas investigacións de vangarda no ámbito mariño e ofrecendo o sábado 23 unha viaxe en barco pola ría. Pola súa banda, o Cinbio (Centro de Investigación Biomédica) abrirá as súas portas a partir do 2 de novembro propoñendo actividades que se artellan arredor de tres bloques temáticos durante varios días: Cinbio na escola, Cinbio na rúa e Coñece o Cinbio. Finalmente, o centro interuniversitario de investigación Economics and Business Administration for Society (Ecobas) unirase a promoción da súa investigación con 3 eventos que terán lugar en Vigo e Santiago.

Fonte: DUVI.