Os centros de investigación da UVigo recibirán da Xunta de Galicia 1,3 m€ para a adquisición de equipamento científico-técnico

Vigo TecnolóxicoActualidadeOs centros de investigación da UVigo recibirán da Xunta de Galicia 1,3 m€ para a adquisición de equipamento científico-técnico

En total, o Goberno galego achegará un total de 2,7 m€ para os tres campus da Universidade de Vigo

A Xunta de Galicia achegará á Universidade de Vigo 2,7 m€ no marco do convenio de colaboración para a adquisición e mellora de equipamento e instalacións científico-técnicas coas universidades do SUG (Sistema Universitario de Galicia). O montante total destas axudas é de 7 millóns para as tres universidades galegas, correspondendo 3,2 m€ para a USC e 900.000€ para a UDC. As institucións académicas poderán destinar estes fondos a sufragar gastos de equipamento dos grupos, institutos e centros de investigación e de unidades docentes, sempre que estean incluídos ou asociados á realización de proxectos de investigación, a equipamento científico e para infraestruturas de investigación, á elaboración de proxectos de obras ou reformas, á dotación de laboratorios e ás ferramentas de xestión do coñecemento e información, tales como aplicacións informáticas, bases de datos ou licenzas software.

Fortalecemento dos centros de investigación

Da partida orzamentaria adxudicada á UVigo, 1,3 m€ vanse destinar ao equipamento tecnolóxico dos centros de investigación, entre eles os dous vencellados ao Campus Vigo Tecnolóxico. Deste xeito, o centro de investigación en Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais (Cintecx) recibirá fondos para a adquisición de sistemas de termografía de alta velocidade e de escáner láser portátil, mentres que o centro de investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación (atlanTTic) reforzarase con equipamento e medidas tecnolóxicas cuánticas.

Ademais de Vigo Tecnolóxico, entre as actuacións previstas está tamén a adquisición para o Cinbio de ferramentas para fabricación, análise e estimulación de novas nanoterapias, así como un sistema secuenciador e analizador 2D. Contemplase tamén a compra de equipamento de espectometría de emisión óptica de plasma de acoplamento indutivo e un analizador elemental para o Cacti, sistemas de monitoraxe da calidade da auga para o CIM, e a renovación e ampliación de equipos de comunicación de rede, entre outros moitos.

O resto do orzamento concedido á Universidade de Vigo destinarase a levar a cabo melloras nas infraestruturas de diversas facultades e edificios nos tres campus, incluíndo a dotación de laboratorios específicos como o de visión artificial e robótica na Escola de Enxeñaría Informática de Ourense, ou o de edición gráfica e de informática na futura Facultade de Deseño de Pontevedra. Tamén están previstas actuacións relacionadas cunha infraestrutura de hiperconverxencia para o campus de Vigo, a compra de dous vehículos todoterreo para mostraxes para os campus de Vigo e Ourense, ou o acondicionamento térmico, acústico e enerxético de varios centros.

Fonte: DUVI.