O 63% dos fondos proceden da actividade dos centros de investigación con empresas e institucións
A Universidade de Vigo facturou 6,5 M€ o pasado 2021 por trasladar o seu coñecemento a empresas e institucións, cifra máis alta desde 2015. Malia caída de contratos con empresas derivada do impacto da pandemia, no 2021 as colaboracións reactiváronse acadando unha cifra récord no ámbito da transferencia de resultados de investigación, é dicir, na denominada I+D (Investigación e Desenvolvemento).
A meirande parte desde éxito débese á labor de transferencia dos cinco centros de investigación da UVigo, que aportaron ata o 63,2% de todos os ingresos (4,1 M€). Trátase por unha banda do atlanTTic (Centro en Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación), o centro máis activo que xerou o 40% do total de ingresos da UVigo (2,4 M€), e o Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais (Cintecx), ámbolos dous pertencentes ao Campus Vigo Tecnolóxico. Destacou tamén a captación de fondos realizada neste ámbito polo CIM (Centro de Investigación Mariña), o Cinbio (Centro de Investigacións Biomédicas) e ECOBAS (Economics and Business Administration for Society).

Fonte: Faro de Vigo
O grupo COM do atlanTTic, líder un ano máis
O grupo de investigación COM (Antenas, Radar e Comunicacións) do atlanTTic volve liderar un ano máis as colaboracións coas empresas, a moita distancia do resto de grupos , xerando 1,65 M€ (o 25% do total da UVigo). Os seus proxectos centránse principalmente en innovación, consultoría e formación nos ámbitos da fotónica, os satélites, as antenas, a ciberdefensa, a criptografía cuántica ou a guerra electrónica. Tras el posiciónase o Grupo de Tecnoloxías da Información (GTI), tamén do atlanTTic, colaborando principalmente con empresas como Televés ou Telefónica. En terceiro e cuarto lugar estarían os grupos de Bioloxía Ambiental do CIM e o grupo de Innovación en Agroalimentación e Saúde do Cinbio.
Os ingresos para investigación aumentan de 13 a 17 millóns de euros
Os ingresos da Universidade de Vigo a través de convocatorias competitivas de investigación ascenderon en 2021 dos 13 aos 17,3 millóns de euros, preto do récord acadado en 2017 con 17,5 M€. A pandemia impediu que en 2020 se convocasen axudas para infraestruturas, o que reduciu ese ano a captación de fondos. A maior fonte de ingresos provén de convocatorias nacionais e europeas, coa Xunta de Galicia en terceiro lugar como principal financiador.
Os centros de investigación da Universidade de Vigo captaron o 75% dos fondos para proxectos, un total de 13 millóns de euros, entre os que destacaron de novo o Cintecx, Cinbio e atlanTTic.
Fonte: Faro de Vigo.


