O edificio Redeiras acollerá, o día 9, un debate interxeracional entre investigadoras da UVigo
O mes de febreiro estará dedicado na Universidade de Vigo a dar visibilidade ao traballo das investigadoras e científicas e a fomentar as vocacións entre as nenas e rapazas, estendendo a celebración do 11 de febreiro como Día da muller e da nena na ciencia. Para conmemorar esta data, a institución ten programado, en colaboración coa FECYT (Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía), unha serie de actividades nos campus e nos institutos orientadas principalmente ás alumnas de secundaria. A iniciativa busca dar a coñecer a ciencia e a innovación que se desenvolve nos laboratorios da Universidade da man das mulleres que forman parte dos grupos de investigación, ademais de achegarlles referentes femininos no campo da I+D.
A actividade central no campus de Vigo será o programa de obradoiros Elas fan Cientec, organizado por docentes e investigadoras da Universidade, co apoio da Unidade de Cultura Científica e da Innovación e a Unidade de Igualdade, e que terá lugar o 11 de febreiro e recuperará a celebración presencial. O programa abrangue 16 talleres prácticos que se van desenvolver no Cinbio (Centro de Investigacións Biomédicas) e nas tres escolas de enxeñaría do campus Vigo Tecnolóxico (EET, EEI e EEME), contando coa participación de catro institutos da provincia de Pontevedra.
O Cinbio ofrecerá obradoiros sobre moléculas, síntese de nanopartículas en disolución, propiedades dos materiais na escala dos nanómetros, resposta inmunitaria ou cromosomas sexuais e herdanza ligada ao sexo. Pola banda das escolas de enxeñaría, a Escola de Enxeñaría de Telecomunicación programou un obradoiro de Lego Robotics, un taller de programación con Scratch ou introducións á programación web e ao seu funcionamento, mentres que a Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía propón participar na xincana Science Games: Catching Fire, no concurso grupal The Wall ou en talleres de física e astrofísica, de materiais ou de minerais. Finalmente, Elas fan Cientec complétase coas propostas da Escola de Enxeñaría Industrial, con obradoiros de termografía infravermella, deseño e prototipado e espazo de exposición Open Lab.
Charlas nos colexios e institutos e un debate interxeracional
Ademais destas actividades, ao longo do mes de febreiro haberá unha serie de conferencias e relatorios impartidos por científicas e enxeñeiras da Universidade de Vigo en colexios e institutos de toda Galicia. En total, participarán 37 investigadoras y 2 investigadores, e 35 centros educativos, conformando un programa de 65 charlas presenciais e virtuais sobre o seu traballo e sobre o papel da muller na ciencia e na tecnoloxía.
A programación do 11F en Vigo complétase cunha proposta innovadora que ten como finalidade poñer en contacto investigadoras de diferentes xeracións para compartir as súas experiencias como mulleres na ciencia. O debate terá lugar o mércores 9 de febreiro ás 19.00 horas no segundo andar do edificio Redeiras, e será de acceso libre ata completar a capacidade da sala. Nesta charla participarán Talía Rodríguez, do Departamento de Comunicación Audiovisual e Publicidade; Cristina Delgado, do Departamento de Ecoloxía e Bioloxía Animal; Susana Reboreda, da Área de Historia Antiga e Carmen García Mateo, catedrática de Teoría do Sinal e Comunicacións e investigadora de atlanTTic. Moderará o debate Mónica Valderrama, vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais.
Fonte: DUVI.


