O Foro Tecnolóxico de Emprego incrementa ata case medio cento a participación de empresas e asociacións

Vigo TecnolóxicoActualidadeO Foro Tecnolóxico de Emprego incrementa ata case medio cento a participación de empresas e asociacións

Celebrarase do 9 ao 11 marzo e simultaneará actividades presenciais e virtuais

Tras unha edición totalmente virtual obrigados pola pandemia, o Foro Tecnolóxico de Emprego regresa este ano con máis folgos que nunca, incrementando a participación de empresas e asociacións ata preto de medio cento de entidades. A cita, que acada xa a súa vixésimo segunda edición, será a vindeira semana, do 9 ao 11 de marzo, combinando por primeira vez na súa historia as actividades presenciais nas tres escolas de enxeñaría do campus Vigo Tecnolóxico e a retransmisión virtual, facilitando a participación de todas aquelas persoas que non poidan asistir presencialmente.

“A todo isto hai que sumar tamén outra novidade, pois este ano colaboran connosco as delegacións de estudantes das escolas de enxeñaría Aeronáutica e do Espazo e Informática, de Ourense, e Enxeñaría Forestal, de Pontevedra”, explica a coordinadora xeral desta edición, Ivana Ogando, alumna de cuarto curso do Grao en Enxeñaría de Tecnoloxías de Telecomunicación, na súa versión en inglés. É a principal cabeza visible dun equipo composto por 18 mozas e mozos estudantes das tres escolas de enxeñaría do campus Vigo Tecnolóxico: 12 da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, tres de Enxeñaría Industrial e outros tres de Enxeñaría de Minas e da Enerxía.

Novas firmas que se incorporan ás asiduas

“Na anterior edición do foro recolléronse sobre 800 currículos e este ano esperamos superar esa cifra ante a boa acollida que estamos tendo”, recalca a coordinadora desta edición. Moitas das empresas que participan son asiduas desta xuntanza, fieis a unha cita que naceu no 2001 “organizada polo alumnado para o alumnado”, tal e como eles mesmos se encargan cada ano de subliñar. O obxectivo segue sendo o mesmo: facilitar o achegamento laboral das empresas e asociacións do sector aos futuros titulados e tituladas de corte técnico.

Hai firmas que xa son clásicas e que repiten cada ano (Deloitte, Cortizo, Borgwarner, Repsol, Norvento Enerxía, PWC, Grupo Nuevo Pescanova, etc.) e outras que se van incorporando: Huawei, Teltek, EFIMOB, DataSpartan, así como atlanTTic, o Centro de Investigación en Teconoloxías de Telecomunicación da Universidade de Vigo. “Nesta edición quixemos estreitar lazos con quen nos rodea, por iso falamos co centro de investigación, que quedaron encantados coa iniciativa”, apunta Ogando, ao que engade que outra das novidades deste curso é a empresa holandesa T Talent. “Algunhas das empresas que confían todos os anos en nós son centros tecnolóxicos, consultarías ou colexios de enxeñeiros”, explica a coordinadora, salientando que “a verdade é que estamos moi agradecidos polo acollemento que temos todos os anos”.

Inauguración mércores 9 ás 13.00 horas

A inauguración do foro será o mércores ás 13.00 horas no vestíbulo principal da Escola de Enxeñaría de Minas e da Enerxía e contará coa participación do reitor, Manuel Reigosa; do persoal de dirección das tres escolas de enxeñaría do campus –Elena Alonso, de Enxeñaría de Minas e Enerxía; Rebeca Díaz, de Enxeñaría de Telecomunicación, e Juan Pardo, de Enxeñaría Industrial- e da directora xeral de dirección e colocación da Xunta de Galicia, Zeltia Lado. A clausura será o venres á mesma hora e contará coa participación, entre outros, de David Regades, delegado do goberno na Zona Franca de Vigo.

Fonte: DUVI.