Comezará a docencia este xoves 13 cunhas xornadas técnicas sobre a industria 4.0
O título propio en Ciberseguridade Industrial, único en Galicia, comezará a impartirse esta mesma semana e farao con todas as súas prazas cubertas. Esta acollida é cualificada como “todo un éxito” polo profesor José Ignacio Armesto, coordinador do mesmo xunto co tamén docente Miguel Díaz-Cacho, ambos do Departamento de Enxeñaría de Sistemas e Automática. Esta será a primeira edición dunha titulación propia da Universidade de Vigo que se insire dentro da oferta académica da Escola Aberta de Formación Permanente, e que nace para tender pontes entre o perfil formativo industrial e o das tecnoloxías da información e as comunicacións nun contexto de dixitalización das plantas industriais. Trátase de dar resposta ás necesidades do mercado laboral, que demanda para a Industria 4.0 profesionais cun maior nivel de cualificación tecnolóxica, como se recolle no informe Galicia 2030: Proposta de novas titulacións para o SUG, no que se sinala o eido da ciberseguridade na contorna industrial como un dos nichos laborais de futuro que requiren dunha formación específica que ata agora non existe na comunidade autónoma.
O curso, que se impartirá de maneira totalmente virtual a través do Campus Remoto ata o mes de setembro, busca actualizar os coñecementos dos profesionais do eido industrial e tamén formar novos especialistas. E é que un tecido industrial cada vez máis conectado, tanto horizontal, é dicir, entre as liñas de produción e as máquinas, como vertical, entre as máquinas e os sistemas de xestión da produción, presenta tamén novos riscos e vulnerabilidades. Fronte a estas ameazas son precisos profesionais que poidan xestionar adecuadamente estas situacións e adoptar as medidas de protección necesarias para evitar ciberataques, perdas na propiedade industrial das compañías ou mesmo a paralización da produción.
A formación será eminentemente práctica e técnica, empregando ferramentas e tecnoloxías de fabricantes como Siemens, Fortinet, Microsoft ou Nozomi Networks, entre outras. Ademais, o título conta co apoio e participación de multinacionais do sector, polo que a docencia será impartida por profesorado das escolas de Enxeñaría Industrial e de Enxeñaría de Telecomunicación da UVigo, e tamén por profesionais de Siemens, Muutech, Microsoft, Inprosec, Gadisa, Accenture, Nueva Pescanova ou Tecdesoft Automation.
Xornadas sobre casos de éxito de empresas como Stellantis, Adif, Iberia ou Navantia
O curso arranca esta semana coa celebración dunha xornadas técnicas os días 13 e 14 en modalidade virtual que serán emitidas en directo e aberto a través da canle 1 de UVigo-TV.
Estas xornadas centraranse na Industria 4.0, os seus antecedentes e as tecnoloxías habilitadoras, e contará coas achegas e relatorios de profesionais do sector que afondarán, por exemplo, na ciberseguridade en sistemas de control industrial, nas comunicacións industriais dende unha visión holística, no IIoT ou internet industrial das cousas como corazón da Industria 4.0, na intelixencia artificial ou nos retos do futuro inmediato. A segunda xornada, a do día 14, centrarase en casos de éxito en diferentes sectores industriais como a automoción, a distribución de enerxía, o transporte terrestre e o aéreo ou o sector naval e militar. Para estas ponencias as xornadas contarán coa participación de representantes de empresas como Stellantis, Red Eléctrica Española, Adif, Iberia ou Navantia.
Fonte: DUVI.


