O Seminario de Loxística culmina a súa 30º edición

Vigo TecnolóxicoActualidadeO Seminario de Loxística culmina a súa 30º edición
José Carlos Prado, director, e José Fariña (EEI)

Imagen: José Carlos Prado Prado (director del seminario) y José Fariña (director de la EEI)

O Seminario de Loxística culmina a súa 30º edición

Carlos Prado, director, avoga polo concepto de “redes de subministración”

O Seminario de Loxística celebrou a semana pasada a súa trixésima edición na sede campus da Escola de Enxeñaría Industrial. Como cada ano, este evento, cuxa primeira edición tivo lugar en 1988, foi punto de encontro para profesionais da loxística, presentando as últimas tendencias e ofrecendo prácticas da súa implantación. Trñatase dunha iniciativa do Grupo de Ingeniería de Organización (GIO), e o seu director, José Carlos Prado Prado, explica que a longa traxectoria deste evento, con contadas ausencias, coma nos anos de pandemia, foi posible tanto ao interese de empresas dispostas a relatar as súas experiencias como ao de profesionais con inquedanzas nesta área.

Dilatada traxectoria

Naturalmente, ao longo de estas últimas décadas o seminario foi testemuña dos cambios no sector da loxística, que semella dar paso, en palabras de Carlos Prado, ao concepto de “rede de subministración”. Con todo, a organización apostou por manter o nome orixinal do seminario. “Entendemos loxística como as áreas de compras, produción, distribución física (almacéns e transporte) e loxística inversa, que permite ter unha visión global, tanto a nivel estratéxico como operativo”. E, neste eido, nas últimas décadas foi incesante o proceso de automatización; chegou tamén o Internet das cousas e agora está o reto da intelixencia artificial, nun sector que atinxe a case todos os ámbitos produtivos.

Ao longo da súa traxectoria o seminario foi punto de encontro de xerentes de empresas industriais e de servizos e de directivos e profesionais das áreas de materiais, loxística, produción, distribución física e aprovisionamentos de diversas e importantes compañías, como Stellantis, Leroy Merlin, Accenture, Nueva Pescanova, Inditex, Coren, Seur ou Telefónica. Ademais, é tamén unha cita importante para o alumnado de Organización Industrial, un dos sete graos que se imparten na Escola de Enxeñaría Industrial. Esta titulación que  ten contribuído “de forma relevante a incorporar ás organizacións industriais e de servizos, a profesionais que lideren estes procesos de cambio”.

 A trixésima edición

No acto de apertura, no salón de actos da Escola de Enxeñaría Industrial, o director do seminario, Carlos Prado, destacou a “satisfacción enorme” que supón poder seguir organizando este seminario, que reúne en “cada edición preto dun cento de persoas”. Pola súa banda, o director da EE Industrial, José Fariña, fixo fincapé en que para a escola é fundamental acoller eventos coma este, que permiten “achegar profesionais de prestixio ao noso centro para que poidan explicar as súas experiencias ao noso alumnado” e incidiu, precisamente, na necesidade de aumentar a asistencia de estudantes a este seminario en futuras edicións.

Tras o acto de apertura, o encargado de impartir o primeiro relatorio foi Miguel J. Calero, senior manager e responsable de cadea de subministración e operacións na empresa EY, que falou sobre a planificación integrada da cadea de subministración e a aplicación a unha empresa industrial global. Posteriormente interviñeron José Brais Gómez-Reino, de Valtalia; Esther Fernández e Juan Redondo, de Nauterra; e Gustavo del Río, de Iberconsa Seafood Processing, quen centrou a súa intervención na implantación dun sistema MES (Manufacturing Execution System) na industria pesqueira.

Se hai algún aspecto que Carlos Prado considere esencial no eido da loxística son as persoas. “Visión global, flexibilidade, enfoques (como a mellora continua ou a eliminación de gastos superfluos) e ferramentas (tecnoloxía, TIC, intelixencia artificial… )  pero sobre todo ‘sentidiño’, porque a clave como sempre son as persoas, as persoas e os equipos”. Neste sentido, destaca que “a falta de persoas a todos os niveis é, probablemente, o maior problema ao que nos enfrontamos” e o maior reto, polo tanto, é “enfrontarnos con esas persoas e equipos ás esixencias da sostibilidade coas súas tres patas: a económica, a social e ambiental”.

 

Máis información

Duvi

XXX Seminario de Loxística