A iniciativa estivo coordinada pola UVigo e contou co apoio do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional FEDER
O xoves 3 celebrouse a xornada de peche do proxecto europeo MoBAE, unha investigación coordinada pola Universidade de Vigo e cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional FEDER centrada no fomento do alto potencial da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal no eido da mobilidade. Integrado por investigadoras e investigadores da Escola Universitaria de Estudos Empresariais da UVigo, da Universidade do Minho, do CSIC, do IGAPE e do Clúster de Empresas de Automoción de Galicia (Ceaga), o acto de peche do proxecto levouse a cabo na sede Afundación de Vigo e contou coa participación da vicerreitora de Investigación, Belén Rubio; o investigador principal, Pablo Cabanelas, e numerosos representantes das empresas vencelladas ao proxecto, tanto das iniciativas emprendedoras que xurdiron ao abeiro deste consorcio, como persoal de direción de empresas dos sistemas produtivos da automoción, TIC, aeronáutico e aeroespacial.
A xornada convidou á reflexión a representantes do mundo da ciencia, empresa e institucións públicas, que puxeron en común os principais retos e oportunidades que marcarán a medio, curto e longo prazo todos os temas relacionados coa denominada nova mobilidade. A principal conclusión foi que a mobilidade do futuro será avanzada, é dicir, “conectada, autónoma, eléctrica e compartida”, e tamén estendida, xa que a conexión entre os sectores da automoción, TIC, aeroespacial e hiperlonxevidade será cada vez maior.
“Desde a Universidade de Vigo estamos a traballar en todas estas cuestións, tanto desde o noso centro de investigación atlanTTic, onde se avanza en todo o que é telecomunicacións, redes, internet das cousas, etc., aspectos claves e necesarios para conectar eses vehículos do futuro; como desde Cintecx, centro de investigación especializado en tecnoloxía, enerxía e procesos industriais, no que o transporte e a enerxía son tamén pezas clave, sempre nun marco de sostibilidade e de bo manexo”, subliñou a vicerreitora. Belén Rubio engadiu que tamén se traballa nesta liña desde a agrupación estratéxica Ecobas, que xoga un papel relevante na investigación sobre o modelo de mercado das empresas e como contribuír a mellorar esa cadea de valor. “Son temas que están en auxe en Europa e sobre os que agardamos seguir conseguindo financiamento”, recalcou a vicerreitora, salientado que Galicia terá moito que dicir no denominado PERTE da automoción, o Proxecto Estratéxico para a Recuperación e Transformación do vehículo eléctrico e conectado, dotado con case 3.000 millóns de euros.
Forte pulo ao emprendemento sobre mobilidade na Eurorrexión
O proxecto MoBAE, financiado con 1,2 millóns de euros -dos que 901.736€ corresponderon ao financiamento de FEDER-, péchase tras preto de tres anos centrados en tres liñas de actuación: capacitación sobre emprendemento, identificación de iniciativas e colaboración na aceleración de proxectos. Pablo Cabanelas foi o encargado de pór en cifras os principais resultados acadados por MoBAE: 27 iniciativas de emprendemento apoiadas a través dun selo de excelencia propio, 5 proxectos participantes nun servizo de mentorización ofrecido ás ideas emprendedoras máis prometedoras, 14 proxectos innovadores participando en xornadas específicas de investimento, máis de 100 persoas formadas en competencias emerxentes no ámbito da mobilidade avanzada e 15 empresas participantes na proba piloto de servizo de autodiagnóstico.
Dos vehículos eléctricos ás bicicletas de bambú
O “tronco” central do proxecto é o Selo de Excelencia MoBAE, co que distinguiron as ideas de negocio máis prometedoras dentro do sistema produtivo de mobilidade. Esta distinción permitiu ás iniciativas distinguidas acceder a múltiples beneficios como asesoramento e servizos de apoio que incluíron un informe de avaliación, unha folla de ruta personalizada, mentorización e/ou titorización, así como desfrutar de programas de apoio e fontes de financiamento.
Dentro destes proxectos emprendedores destacou UVigo MotorSport e Vi&Go, por ser iniciativas procedentes de estudantes da propia UVigo. Ademais, no Selo MoBAE participaron algunhas iniciativas de gran proxección, como é o caso de Velca (motos eléctricas), Solum (cunha estación de recarga para patinetes eléctricos) ou EVIO (con solucións para a mobilidade eléctrica). Tamén foron distinguidos outros proxectos como Dooroti (xestión intelixente de prazas de garaxe), Bambu Bicycles (bicicletas de bambú), Ciclo AI (intelixencia artificial para mellorar a mobilidade dos ciclistas), Contelinera, Battery Second Life, Wavi Drive, Lightkey Mobility, Minacro, Incidence, IPEGAP, Pavnext, Cardio Wheel ou WiiGoLigistic.
Adicionalmente, houbo outras oito iniciativas que contaron con apoio posterior por proceder da colaboración con outros programas de apoio ao emprendemento (High Tech Auto), como é o caso de VanCuvic, Trucks MMS, SETACO ou Biosharing en Galicia e Electric Life Tours ou We can Charge en Portugal.
“O futuro está por escribir e temos que participar neste relato”
“A idea do proxecto era crear un xerme embrionario que poida continuar de cara a futuro. Sensibilizar ao tecido produtivo e institucional do cambio que está a acontecer, e mirar o futuro con lentes renovadas, porque as lentes anteriores poden quedar desfasadas”, explica Cabanelas, quen adiantou que están xa a traballar en diversas iniciativas e á espera de resultados. “Agardamos que o proceso de choiva fina que estivemos a facer dende MoBAE acabe calando”, explicou o coordinador do proxecto. “O futuro está por escribir, e temos que participar neste relato para que poidamos mellorar a posición de Galicia e o Norte de Portugal na nova Cadea de Valor Global que se está a configurar en torno á mobilidade”, recalcou, algo para o que considera “fundamentais” as iniciativas de emprendemento expostas e a concienciación das empresas tradicionais.
Fonte: DUVI.


