A titulación recibiu a mención xunto aos mestrados en Computación e Produción Xornalística
O Mestrado en Matemática Industrial, que imparten conxuntamente as universidades de Vigo, Santiago de Compostela e A Coruña, recibiu o mediodía do pasado luns o recoñecemento de Mestrado de Excelencia da Xunta de Galicia, nun acto presidido polo conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, e no que participaron os reitores da tres universidades do SUG. Ademais do Mestrado en Matemática Industrial, este luns recibiron o selo que outorga a Xunta os mestrados en Computación de Altas Prestacións (UDC e USC) e en Produción Xornalística e Audiovisual (UDC).
O conselleiro referiuse ao recoñecemento de Mestrado de Excelencia como unha das accións para “mellorar e avanzar cara un Sistema Universitario Galego máis competitivo e innovador e centrado na calidade”. No acto, celebrado na Sala Eisenman da Cidade da Cultura, no que participaron os reitores da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa; de Santiago de Compostela, Antonio López e da Universidade da Coruña, Julio Abalde, Román Rodríguez felicitou ás institucións académicas polas elevadas puntuacións que os mestrados recoñecidos acadaron en todos os aspectos valorados, o que reflicte “o seu nivel de solvencia científica, técnica e formativa”.
Nivel académico e solvencia científico-técnica
A mención de Mestrado Universitario Excelente da Xunta de Galicia acredita o nivel académico e a solvencia científico-técnica dos estudos que acadan este recoñecemento e supón unha garantía de futuro para o alumnado. Ademais, a obtención deste selo, que ten unha vixencia de cinco anos, permite ás titulacións seleccionadas participar do apoio económico contemplado nas accións de mellora da calidade do Plan Galego de Financiamento Universitario. Para a concesión do selo tivéronse en conta os criterios de avaliación establecidos, que inclúen aspectos xerais do mestrado como a taxa de ocupación, entidades públicas e privadas que colaboren directamente co mestrado, procedemento de selección do alumnado, porcentaxe de alumnado estranxeiro e a existencia de titorización e mentorización individuais.
Outros aspectos valorados foron os resultados do mestrado (enquisas de satisfacción, seguimento dos egresados no mercado laboral…), a estratexia (visión, misión e desenvolvemento futuro do mestrado), o plan de xestión para os cinco próximos anos académicos e as melloras previstas en caso de obter esta mención, o plan de estudos (porcentaxe de prácticas no plan de estudos, créditos dedicados a prácticas obrigatorias en empresas e emprego de metodoloxías docentes innovadoras), o profesorado ou as estratexias de emprendemento.
Nove mencións de excelencia
Coa mención de excelencia a tres novos mestrados universitarios concedidos, xa son nove as titulacións que acadan este selo de calidade pioneiro, implantado hai tres anos, co obxectivo de fixar unha estratexia coordinada nas tres universidades do Sistema Universitario de Galicia (SUG). O ano pasado acadárona o Mestrado en Bioloxía Molecular, Celular e Xenética (UDC), o Mestrado Universitario en Enxeñería Informática (UDC) e o Mestrado Universitario en Enxeñería Ambiental (USC).
As primeiras titulacións que obtiveron este recoñecemento, cunha vixencia de cinco cursos académicos e posibilidade de renovarse por períodos sucesivos de igual duración, foron os mestrados en Enxeñería Informática e en Bioloxía Molecular, Celular e Xenética (ambos da Universidade da Coruña) e en Enxeñería Ambiental (Universidade de Santiago de Compostela) no ano 2020. No ano 2021 incorporaron este selo o mestrado en Bioinformática para Ciencias da Saúde (UDC), en Biotecnoloxía Avanzada (conxunto entre UVigo e a UDC) e en Tradución para a Comunicación Internacional (UVigo).
Fonte: DUVI


