O Hack for Good reta ó alumnado a buscar solucións tecnolóxicas a desafíos sociais

Vigo TecnolóxicoActualidadeO Hack for Good reta ó alumnado a buscar solucións tecnolóxicas a desafíos sociais

Organizado pola rede de Cátedras Telefónica, celébrase simultaneamente en 24 universidades españolas, desenvolvéndose proxectos sobre o aproveitamento das sobras de restaurantes ou o coidado de maiores

48 horas para idear, deseñar e desenvolver solucións tecnolóxicas innovadoras a retos sociais. Este foi o desafío que o Hack for Good lanzou ás e aos estudantes das universidades españolas que contan cunha Cátedra Telefónica, entre elas Universidade de Vigo. As e os que aceptaron esta proposta reúnese dende onte, xoves, e ata mañá, sábado, no Teatro Vidal Bolaño do campus na sexta edición deste hackatón en Vigo, que tamén se celebra de xeito simultáneo noutras 23 universidades de toda España.

O evento comezou na tarde do pasado xoves, 20 de outubro, cun relatorio de Anxo Mourella sobre incertezas e cambio industrial, pero os equipos non comezaron a traballar ata a mañá do venres, despois dun acto de benvida no que participaron o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, a directora en Galicia e Asturias de Telefónica, Paula Beirán e o director da Cátedra Telefónica na UVigo, José Cidrás, catedrático do Departamento de Enxeñería Eléctrica, pertencente á Escola de Enxeñería Industrial da UVigo, e investigador do grupo Enxeñería Eficiente e Dixital.

Das sobras dos restaurantes ao coidado das persoas maiores

Divididos por equipos ou de xeito individual, durante 48 horas estes estudantes traballan para facer agromar ideas que dean resposta a algún dos 100 retos sociais propostos por ONG, fundacións, institucións e universidades, con fin último de traballar por un mundo mellor. Estas entidades tiñan total liberdade para propoñer algún desafío, sempre e cando buscase a innovación tecnolóxica, social ou económica. En concreto, a rede de Cátedras Telefónica propuxo tres liñas temáticas: smart cities, smart worlds e smart society; M2M e internet das cousas e impacto nas persoas e nos cidadáns. En concreto, os equipos vigueses decidiron desenvolver proxectos sobre o coidado de persoas maiores; os modelos de xestión e aproveitamento das sobras de comida dos restaurantes; o uso de redes sociais como Instagram e TikTok como ferramentas educativas; a administración de historiais clínicos ou solucións de xestión ambiental.

O obxectivo das universidades implicadas, da Fundación Telefónica, da Fundación Hazloposible e de LoopUp, que son as entidades impulsoras do hackatón, é poñer a tecnoloxía ao servizo das necesidades sociais para desenvolver novas ideas, servizos ou aplicacións que axuden a resolver problemas, satisfacer necesidades e crear novas comunidades a través de colaboracións entre institucións públicas, privadas e do terceiro sector.

50.000€ en premios na fase nacional e 4000€ na local

O hackatón continuará este sábado ao longo da mañá e xa pola tarde, entre as 15.30 h e as 16.30 horas os equipos deberán presentar os seus proxectos, para posteriormente, ás 17.00 horas, celebrar a entrega de premios.

A dotación total dos galardóns ascende a 50.000€, incluíndo tanto os premios locais de cada sede como os tres premios que se outorgarán aos gañadores a nivel nacional. No que se refire á fase local da UVigo, o alumnado participante optará a tres distincións: 1000€, 600€ e 400€. A estes sumaranse tamén varios premios temáticos. O primeiro deles, de 500€, será para a mellor proposta no eido da innovación enerxética e sostibilidade; o segundo, coa mesta contía, será para a mellor iniciativa relacionada coa innovación social e, finalmente, entregaranse dous galardóns de 500€ ás mellores achegas relacionadas cos 17 ODS da Axenda 2030.

Para seleccionar as e os gañadores, o xurado terá en conta a formación de equipos multidisciplinares que inclúan todos os perfís necesarios para o desenvolvemento das solucións aos retos, dende o deseño á informática pasando pola socioloxía ou o emprendemento social. Os proxectos valoraranse en función do impacto e importancia do problema solucionado, a creatividade, a innovación, a facilidade e baixo custe do seu despregue, a adaptación a multidispositivo ou o uso de software libre e estándares abertos.

O maior encontro tecnolóxico de España

Con esta nova edición, o Hack for Good regresa ao campus de Vigo despois de dous anos de parón por mor da pandemia. En total, son 24 as universidades as que se uniron a este evento, que se celebra ao mesmo tempo en 14 cidades de toda España e no que participan máis de 1000 estudantes universitarios, o que converte esta cita no maior encontro tecnolóxico en España por número de participantes. Ademais, a iniciativa enmárcase na celebración do Ano Europeo da Xuventude, e pretende contribuír a poñer o foco sobre a importancia da xuventude europea para construír un futuro mellor, máis verde, máis inclusivo e dixital, co obxectivo de non deixar a ninguén atrás.

 

Fonte: DUVI