O Grupo de Tecnoloxías da Información (GTI), adscrito ao centro de investigación atlanTTic da Universidade de Vigo, acaba de facerse co primeiro premio do ETSI MEC Hackaton, un certame promovido anualmente polo European Telecommunications Standards Institute (ETSI) que se enmarca no congreso internacional Edge Computing World, celebrado en liña desde San Francisco. O GTI acadou este galardón internacional cun traballo desenvolto en colaboración coa empresa Optare Solutions centrado na softwarización das redes e nas redes 5G.
“Este recoñecemento permítenos demostrar que seguimos sendo un dos grupos punteiros a nivel mundial en distintas tecnoloxías relacionadas co 5G”, explica o profesor da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación Felipe Gil, un dos investigadores implicados no proxecto. Xunto a el teñen traballado tamén os investigadores do GTI Rubén Pérez Vaz e José Antonio Álvarez Fernández, así como Santiago Rodríguez e Xosé Ramón Pousa de Optare Solutións, firma coa que adoitan colaborar. O obxectivo da competición era demostrar novas aplicacións e servizos innovadores que se poden construír utilizando as APIs para MEC do propio ETSI, é dicir, aplicacións e servizos despregados no ‘edge’ ou periferia dunha rede de comunicación 5G de cara a implementar solucións que noutro caso non serían viables debido aos requisitos de latencia, ancho de banda, etc.
Respondendo aos principais retos da videovixilancia mediante drons
A proposta que presentaron e que, finalmente, resultou gañadora, consistiu nunha solución de intelixencia artificial no ‘edge’ que permite procesar o vídeo enviado por un dron, tomar decisións e actuar para que se desprace seguindo algún elemento ou persoa detectado ou realizando algún outro tipo de acción.
“A flexibilidade proposta pola nosa solución facilita a integración de novas técnicas de Intelixencia Artificial que responden a un dos principais retos da videovixilancia mediante drons”, detalla Felipe Gil. Por outra banda, o proxecto permite tamén a extensión das funcionalidades básicas dos drons proporcionando un servizo máis escalable, dinámico e adaptativo, ofrecendo servizos de vixilancia específicos en función do obxecto detectado e das súas características.
En 2019 xa conseguiran un 2º premio neste mesmo hackaton
No ano 2019 outro equipo do GTI e Optare xa participara neste mesmo hackathon acadando o segundo premio. Nesa ocasión, a convocatoria realizárase a nivel europeo e o equipo tivera que acudir presencialmente a Londres para unha demostración en vivo ante o xurado do certame. O traballo premiado foi un demostrador para a Industria 4.0 no que o xurado valorara non só o correcto funcionamento do sistema, senón tamén a claridade da explicación dos seus obxectivos, a súa integración nas plataformas dos provedores e, finalmente, o correcto uso dos estándares da ETSI.
Fonte: DUVI.


