A iniciativa conta coa colaboración de Afaga e o financiamiento da Fundación La Caixa
A Organización Mundial da Saúde (OMS) prevé que o número de persoas con demencia acade en todo o mundo os 82 millóns en 2030, chegando aos 152 millóns en 2050. Este síndrome, xeralmente de natureza crónica ou progresiva, caracterizado polo deterioro da función cognitiva, e que pode afectar á memoria, pensamento, orientación, comprensión, cálculo, linguaxe ou capacidade de aprendizaxe, é unha das principais causas de discapacidade e dependencia entre as persoas maiores. No ano 2015, o Grupo de Tecnoloxías da Información (GTI) do Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación atlanTTic da Universidade de Vigo remataba o proxecto Táctica, no que amosaba os seus activos de procesado de linguaxe natural con casos de uso de teleasistencia, unha experiencia que seis anos despois e, desta volta, coa colaboración da Asociación de Familiares de enfermos de Alzheimer y otras demencias de Galicia (Afaga), e o financiamento da Fundación La Caixa, permitiu alumear o proxecto En Compañía: Acompañamento terapéutico intelixente a persoas con demencia.
Celia, a metodoloxía que este mediodía foi presentada publicamente nun acto celebrado no edificio Redeiras, permitirá que persoas con demencia en estados iniciais vexan retardado o seu deterioro cognitivo, utilizando unha tableta que lles ofrecerá contidos de estimulación personalizados, baseados en noticias, a partir das que se lle realizarán preguntas sobre esta información, pero tamén sobre a súa vida. “Permite que persoas maiores con deterioro cognitivo leve obteñan de xeito áxil e sinxelo información do seu interese, que se lles presenta en linguaxe natural”, explica o catedrático Francisco Javier González Castaño, coordinador do Grupo GTI, que tamén sinala que “o estado cognitivo dos usuarios se analiza a partir das súas interaccións co sistema”. O docente e investigador Francisco de Arriba Pérez e dous investigadores posdoutorais completan o equipo da UVigo que participa no proxecto ao que achegan a tecnoloxía. Trátase de chatbots, ou aplicacións informáticas baseadas na intelixencia artificial, que permiten a simulación dunha conversa cunha persoa; análise de sentimento; algoritmos de machine learning; xeración de linguaxe natural, etc. Todo baixo unha aplicación Android amigable. Pola súa banda, Afaga encárgase das metodoloxías terapéuticas e obradoiros con usuarios reais.
Os promotores de Celia acaban de rematar probas con expertos en xerontoloxía para axustar o sistema, de xeito que unha trintena de persoas de Vigo e Baiona seleccionadas por Afaga poderán empezar a probalo a finais deste mes ou principios do seguinte nos sus domicilios. O proxecto, que se desenvolverá entre setembro deste ano e setembro de 2022, conta cun orzamento de 33.000 euros, achegados pola Fundación La Caixa en convocatoria competitiva. A iniciativa tamén servirá para afinar activos que se valorizarán nun proxecto Ignicia 21 de GAIN, actualmente en fase 3 de avaliación.
Máis info: DUVI.


