Apoiada con financiamento da Xunta de Galicia, oriéntase a peregrinos con necesidades comunicativas especiais
O Grupo de Tecnoloxías da Información (GTI) de atlanTTic (Centro de investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación) da Universidade de Vigo ven traballando na busca dunha solución tecnolóxica capaz de mellorar a accesibilidade do Camiño de Santiago. O resultado é PictoXacobeo, unha aplicación para Android deseñada especificamente para facilitar a interacción dos peregrinos do Camiño de Santiago con necesidades comunicativas especiais (trastornos da fala, comprensión lectora e escritora, dificultades da linguaxe, etc.). O seu desenvolvemento é froito dun grupo de investigación cunha longa traxectoria no desenvolvemento de solucións de accesibilidade baseadas en dispositivos móbiles, que desta volta ten contado coa colaboración da Xunta a través dunha achega de case 4.000 € do programa O teu Xacobeo.
Dispoñible nos seis idiomas máis usados no Camiño
PictoXacobeo é unha solución tecnolóxica de inclusión e participación social que permite seleccionar pictogramas e crear frases, facilitando a comunicación entre os peregrinos. A principal vantaxe desta app é “a posibilidade de que persoas con dificultades para comunicarse poidan facelo sen dificultade nun escenario específico coma é o Camiño de Santiago e, máis concretamente, nos albergues, nos locais de restauración, nas tendas e nas igrexas”, salienta Enrique Costa, investigador responsable deste proxecto. Sublíñase ademais a oportunidade que supón a dispoñibilidade da ferramenta nos seis idiomas máis usados no Camiño (español, inglés, francés, alemán, italiano e portugués), o que permite aos usuarios e usuarias ver a configuración dos pictogramas na súa lingua e, ao mesmo tempo, xerar a mensaxe noutra que desexen, de maneira que pode comunicarse sen problema coas persoas locais ou con outros peregrinos/as que falen outro idioma.
“Ata o de agora existían nas tendas de aplicacións móbiles varias apps centradas na comunicación usando pictogramas, pero ningunha no que é a comunicación dos peregrinos, cos diferentes perfís que se poden atopar durante o Camiño”, sinala Costa, principal cabeza visible dun equipo de traballo do que tamén formaron parte Francisco de Arriba, Silvia García Méndez e Francisco Javier González Castaño, persoal de investigación da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da UVigo adscrito a attlanTTic.
A idea de pór en marcha este proxecto xurdiu coa lectura na prensa dunha nova sobre un proxecto dunha guía do Camiño de Santiago de lectura fácil con pictogramas, que sinalizasen así mesmo todos os albergues públicos de cara a incrementar a súa accesibilidade. “Pensei entón na idea de que as persoas que precisan do uso de pictogramas non só os viran na guía ou nos albergues, senón que tamén fose posible que se comunicaran con eles ao longo de todo o traxecto”, explica Enrique Costa. O investigador engade que a convocatoria de O Teu Xacobeo facilitou a decisión de presentar esta idea e, “aínda que a convocatoria estaba máis orientada á realización de eventos, tivemos a sorte de que o aceptaran”.
Finalmente, á hora de desenvolver a app, botaron man de toda unha serie de pictogramas propiedade do goberno de Aragón, creados por Sergio Palao para Arasaac, o Centro Aragonés para a Comunicación Aumentativa e Alternativa, que os distribúe baixo licencia Creative Commons e que están creados especificamente para o Camiño de Santiago.
15 apps e 100.000 descargas en dez anos do proxecto Accegal
Con esta xa son máis de quince as apps que levan desenvolto desde o Grupo de Tecnoloxías da Información ao abeiro de Accegal, un proxecto que botou a andar no ano 2011 de xeito coordinado entre este grupo de investigación da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación e o Centro de Educación Especial Manuel López Navalón de Santiago de Compostela. Tratábase de ofrecerlle ás persoas que teñen algún tipo de discapacidade comunicativa novas alternativas para interaccionar coa contorna, para expresarse e para evitar a súa exclusión social.
“A valoración destes dez anos de traballo é moi positiva, non tanto polo número de descargas ou usuarios, senón polos comentarios de usuarios puntuais que nos fan chegar a través do correo ou cando participamos nalgunhas xornadas, que nos contan como as nosas aplicacións lles axudaron a comunicarse cos seus achegados con necesidades especiais, ou de profesores que nos contan o útiles que lle son as nosas aplicacións para a integración nas súas clases”, salienta Enrique Costa, ao que engade que o número total de descargas destas aplicacións móbiles é de 100.000 e o de instalacións activas sitúase entre as 15.000 e as 20.000.
Fonte: DUVI.


