O grupo EQ10 do Cintecx acada novos avances na consecución de produtos “bio” de alto valor industrial a partir de residuos agrarios

Vigo TecnolóxicoActualidadeO grupo EQ10 do Cintecx acada novos avances na consecución de produtos “bio” de alto valor industrial a partir de residuos agrarios

O proxecto liderado pola doutora Xanel Vecino abre numerosas aplicacións en alimentación, cosmética ou medio ambiente

O grupo de investigación de Enxeñaría Química 10 (EQ10) vencellado ao Cintecx da Universidade de Vigo leva anos estudando como converter os residuos agrarios en produtos de alto valor industrial susceptibles de ser aplicados en farmacia, cosmética ou medio ambiente. Froito deste traballo conseguiron xa múltiples avances, sobre todo no campo dos biosurfactantes, moléculas de orixe biolóxico e excelente compatibilidade ambiental con múltiples aplicacións na industria química, alimentaria, cosmética e farmacéutica. Ademais, agora acaban de pór en marcha un novo proxecto co que pretenden optimizar, mediante procesos máis amigables co medio ambiente e sen xerar ningún tipo de residuo, o proceso habitual de recuperación, separación e purificación destas moléculas.

O novo proxecto está liderado pola doutora Xanel Vecino e titúlase “Recuperación de biosurfactantes contidos nas augas de lavado de millo mediante procesos de membranas”. Cunha duración de tres anos, conta cunha axuda do Ministerio de Ciencia e Innovación de 170.000 euros enmarcada na convocatoria Retos de Investigación, modalidade de proxectos tipo JIN liderados por investigadoras novas. “O traballo púxose en marcha hai apenas uns meses e prolongarase ata outubro de 2023”, explica Vecino. Xunto a ela, forman parte da investigación os docentes José Manuel Cruz e Ana Belén Moldes, responsables do grupo EQ10, a investigadora predoutoral Andrea Martínez, así como o profesor José Luis Cortina e a doutora Mònica Reig do grupo Resource Recovery and Environmental Management do Departamento de Enxeñaría Química da Universitat Politècnica de Catalunya.

Técnicas innovadoras que evitan o emprego de reactivos químicos

A idea do proxecto xorde da necesidade de recuperar todos eses compostos de alto valor industrial procedentes dos residuos agroindustriais da maneira máis respectuosa posible co medio ambiente. Segundo explica a investigadora, o proceso habitual de recuperación, separación e purificación de biosurfactantes acostuma ser a través de diferentes procesos que, “ás veces non son todo o sostibles que deberían”. Por esta razón decidiron meterse de cheo na busca de novas alternativas de procesos de separación nos que se eviten os reactivos químicos, sobre todo aqueles que non se poden recuperar. A solución pasa, dende o seu punto de vista, polo emprego da tecnoloxía de membranas como proposta innovadora para a recuperación dos compostos de alto valor, unha opción que, ata o de agora, nunca se formulara.

“Os biosurfactantes son deterxentes naturais que se producen de maneira espontánea nos licores de lavado do millo polos microorganismos, e a recuperación destes biocompostos acostuma realizarse mediante extracción con disolventes orgánicos”, explica Vecino, ao que engade que a regulación medioambiental quere reducir o uso de disolventes orgánicos, xa que a súa emisión á atmosfera contribúe ao efecto invernadoiro. “O emprego da tecnoloxía de membranas é unha proposta moi innovadora que evita o uso de calquera tipo de reactivo químico”, salienta a investigadora.

Augas residuais procedentes da maceración do millo

A investigación traballa con augas residuais procedentes da maceración do millo, un proceso necesario para a separación dos distintos compoñentes do millo (fariña, aceite, proteínas) por vía húmida. Malia que o proxecto está aínda na súa fase inicial, xa puideron caracterizar estes residuos en termos de composición, é dicir, determinar as substancias orgánicas e inorgánicas das que están compostos, o tamaño das moléculas, e cales son os compostos catiónicos e aniónicos, co fin de seleccionar as membranas adecuadas. “Tamén testamos diferentes procesos con membranas para eliminar impurezas dos licores, como pode ser a presenza do ácido láctico e azucres, así como para facilitar a recuperación dos biosurfactantes”, explica a investigadora.

En posteriores fases do proxecto levarase tamén a cabo a avaliación da integración de diferentes procesos de membranas para a recuperación de biosurfactantes e a aplicación deses biosurfactantes recuperados mediante tecnoloxía de membranas en diferentes sectores industriais. Algúns exemplos destas aplicacións son o seu uso como sustancias prebióticas en matrices alimentarias, en fórmulas avanzadas no campo da cosmética e hixiene persoal, ou como aditivo en formulacións agroquímicas co fin de obter pesticidas máis biodegradables.

Fonte: DUVI.