O docente da ETT e investigador de atlanTTic José Luis Alba Castro, Premio Revelación do Fórum RIES

Vigo TecnolóxicoActualidadeO docente da ETT e investigador de atlanTTic José Luis Alba Castro, Premio Revelación do Fórum RIES

O evento centrouse na revolución dixital da asistencia sanitaria

O docente da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación (ETT) da UVigo e investigador de atlanTTic, José Luis Alba Castro, é o novo gañador do Premio Revelación do Fórum RIES, un encontro que reuniu esta semana no Balneario de Mondariz aos principais axentes do sector saúde do ámbito público e privado a nivel europeo. Alba recibiu o premio polo proxecto SignaMed, unha aplicación para consultar termos médicos en lingua de signos desenvolta polo Grupo de Tecnoloxías Multimedia (GTM) do atlanTTic ao abeiro do proxecto Speech&Signs. Trátase dun traballo posto en marcha co obxectivo de que as persoas xordas poidan consultar termos médicos e de saúde en Lingua de Signos Española (LSE), usando tanto texto como signos diante da cámara web.

A aplicación, que xa está operativa, ten a particularidade de que pode ir medrando coa colaboración das propias persoas signantes, que gravan signos ante a cámara para adestrar modelos de recoñecemento automático e axudar a derrubar barreiras comunicativas. Concibida a modo de dicionario, a nova app permite tamén que o persoal sanitario poida familiarizarse con termos médicos en lingua de signos e sexa capaz de entenderse mellor con pacientes con xordeira. Nesta liña, o Centro de Normalización Lingüística de la Lengua de Signos Española (CNLSE) e a Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia (FAXPG) xa están colaborando para que o dicionario se converta nunha ferramenta de uso xeral nos próximos años.

Escaparate das capacidades da UVigo no ámbito da saúde

Organizado polo Clúster de Saúde de Galicia en colaboración coa Xunta de Galicia, o Colexio Oficial de Farmacéuticos da Provincia da Coruña e a rede de ecosistemas de saúde ECHAlliance, o Fórum RIES centrouse este ano na revolución dixital da asistencia sanitaria e dos coidados, e contou cun panel de alto nivel con expertos e expertas internacionais.

Desde a Universidade de Vigo, participaron no evento os seus centros de investigación atlanTTic, Cinbio e Cintecx, co obxectivo de dar visibilidade aos principais resultados de innovación en materia de saúde e presentar os proxectos que están a desenvolver neste ámbito.

O Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación atlanTTic colaborou activamente na organización do encontro grazas a ser referente en transformación tecnolóxica e saúde dixital. Miguel Álvarez Iglesias, responsable de Innovación do centro e presidente do comité organizador do congreso, participou no acto de inauguración da pre-xornada con Rocío Mosquera, presidenta do Clúster da Saúde de Galicia, e Julio García Comesaña, conselleiro de Sanidade da Xunta de Galicia. Á súa vez, foi o encargado da apertura oficial da xornada RIES21 xunto a Beatriz Gil de Araújo, vicepresidenta do comité organizador, e Francisco Conde, vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación.

“Tratamos de elaborar un programa equilibrado, nun formato innovador e que englobase os aspectos máis significativos desta revolución na que estamos inmersos e na que, desde Galicia, temos moito que achegar”, sinalou Miguel Álvarez nunha das intervencións. Desde o seu punto de vista, o máis salientable desta sexta edición do RIES é que pasa de ser un congreso tradicional a un congreso experiencia cun enfoque centrado na persoa e adecuado ás súas necesidades. A programación abordou catro bloques temáticos asociados aos pilares que engloba a comunidade do Clúster de Saúde: transformación dixital, asistencia, coidados e financiamento.

Fonte: DUVI.