O Consello Galego de Universidades confirma a acreditación da excelencia científica do Cintecx

Vigo TecnolóxicoActualidadeO Consello Galego de Universidades confirma a acreditación da excelencia científica do Cintecx

Na sesión tamén se autorizou a implantación de catro novas titulacións na UVigo

O Consello Galego de Universidades informou favorablemente este luns 14 da creación do Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais (Cintecx) da Universidade de Vigo, unha vez acreditada a súa excelencia científica.

O pleno autorizou tamén a implantación o vindeiro curso 2021/2022 de catro novas titulacións na UVigo: o Grao en Filoloxía Aplicada Galega e Española; os mestrados en Sistemas Aéreos non Tripulados (xunto coa USC) e en Desafíos das Cidades Atlánticas (conxunto coa USC e a UDC), e o programa de doutoramento en Matemáticas e Aplicacións (conxunto coa USC e a UDC). En total, nas tres universidades galegas implantaranse o vindeiro curso 12 novos títulos: tres graos, oito mestrados e un programa de doutoramento. Todas as titulacións contan co informe favorable da Secretaría Xeral de Universidades, da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG) e do Consello de Universidades. No que a graos se refire, adáptanse ao establecido no Acordo sobre o Mapa de Titulacións asinado entre a Consellería e os reitores das tres universidades do SUG en marzo de 2017.

Máis información: DUVI.