O concurso “Eme_Pakuxa 2022” da EEME premiará as mellores improvisacións orais

Vigo TecnolóxicoActualidadeO concurso “Eme_Pakuxa 2022” da EEME premiará as mellores improvisacións orais

A Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía (EEME) da UVigo, xunto coa súa Delegación de Alumnado, mantén aberto o prazo para participar na terceira edición do concurso Eme_Pakuxa 2022, un certame no que as e os concursantes terán que improvisar un discurso que acompañará a 16 diapositivas sorpresa que aparecerán cada 20 segundos na pantalla. A competición insírese nun formato de orixe xaponesa chamado Pecha Kucha (que, en xaponés, fai referencia a unha onomatopea que representa o son dunha charla casual), no que as persoas participantes teñen que empregar o seu enxeño para adaptar a súa disertación a unha serie de imaxes que se van descubrindo a medida que se desenvolve a presentación. O obxectivo deste sistema é que os poñentes sexan capaces de artellar unha exposición orixinal, concisa, entretida e coherente sen depender dun discurso pechado que non deixe lugar á adaptación do mesmo ás circunstancias do momento.

Orixinalidade e creatividade, a chave para facerse co primeiro posto

As persoas interesadas en participar nesta terceira edición do certame de oratoria improvisada terán ata o 10 de abril para inscribirse. A competición desenvolverase o mércores 20 de abril na Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía, día que se proclamará a persoa gañadora que recibirá un premio da Escola. O xurado do concurso, que estará composto por dous alumnos/as dos graos impartidos na EEME e por un/unha docente do centro, valorará a creación dun discurso con orixinalidade e creatividade que se fíe axeitadamente en torno a unha sucesión rápida de imaxes. Terase en conta a posta en escena, a capacidade comunicativa e a cohesión entre a imaxe e as palabras.

Na edición pasada, Mateo González, estudante do Máster de Telecomunicación, conseguiu facerse coa vitoria fronte a Antonio Ramos, do Grao de Enxeñaría en Tecnoloxías Industriais. Ambos disputaron un enfrontamento no que primou o humor con chistes e bromas coas que distenderon a situación, na que se palpaban os nervios e a tensión polo descoñecemento das imaxes.

Fonte: DUVI.