O pasado xoves 28 o Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais (Cintecx) da Universidade de Vigo abriu os seus laboratorios á cidadanía coa fin de amosar de primeira man os proxectos que desenvolve. A iniciativa enmarcouse no programa Divulgando Ciencia Singular da UVigo, que dende 2018 busca achegar a investigación científica e tecnolóxica á sociedade. O evento ofreceu tres obradoiros destinados ao alumnado do Bacharelato STEM (Science, Technology, Engineering, Mathematics) do colexio Compañía de María de Vigo.
Tras unha pequena presentación sobre o Cintecx, a xornada de portas abertas deu comezo aos tres talleres organizados polo propio persoal de investigación con actividades moi visuais e prácticas. As propostas estiveron orientadas a que os e as estudantes se puidesen facer unha idea do tipo de proxectos que se levan a cabo no Cintecx, poñendo en valor como a tecnoloxía axuda a lograr unha sociedade industrial e sostible comprometida coa conservación do planeta.
Un dos obradoiros foi o denominado Combustión: The Sci-Ence Games, que baixo a guía da investigadora do Grupo de Tecnoloxía Enerxética (GTE) Raquel Orozco, amosou dende os conceptos máis simples ata a súa aplicación a sistemas complexos e reais como motores de combustión ou plantas de xeración de enerxía. No segundo obradoiro, Intelixencia artificial: Érase unha vez un mundo de datos, a investigadora Ana Larrañaga, tamén do grupo GTE, explicoulles dun xeito interactivo a aplicación destas novas tecnoloxías ao mundo da enxeñaría. Neste caso, as mozas e mozos participantes tiveron que resolver un problema de visión artificial e aprenderon a importancia da compilación de datos, desenvolvendo a súa capacidade resolutiva e a súa imaxinación.
O programa completouse cunha terceira actividade de desenvolvemento sostible e biotecnoloxía, na que as investigadoras Aida Díez e Silvia Escudero do Grupo de Bioenxeñaría e Procesos Sostibles (BIOSUV), guiaron aos estudantes para levar a cabo diferentes experimentos de tratamento de augas coloreadas empregando absorbentes producidos a partir de residuos.
Fonte: DUVI.


