CITMAga integra as capacidades científicas e aposta pola transferencia das matemáticas en Galicia
O Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemática de Galicia (CITMAga), impulsado polas tres universidades galegas (USC, UDC e UVigo), deu a coñecer este luns a que será a súa folla de ruta para traballar polo futuro das matemáticas de Galicia. O CITMAga bota a andar coa vontade de integrar as capacidades científicas do ámbito das Matemáticas, compartindo visión e estratexia e cunha clara aposta pola transferencia de coñecemento. Coa motivación de fomentar unha cultura colaborativa, que busque a excelencia na investigación, a innovación e a formación, CITMAga aspira a converterse nun centro de referencia nacional e internacional, constituíndo unha contorna atractiva para o desenvolvemento científico e profesional.
A xornada inaugural do centro celebrouse o luns 14 en Santiago e contou coa presenza dos reitores da USC, UDC e da UVigo, Antonio López, Julio Abalde e Manuel Reigosa; a decana da Facultade de Matemáticas da USC, Elena Vázquez Cendón; e a directora científica en funcións de CITMAga, Rosa Crujeiras. O reitor da USC destacou a colaboración neste eido entre as tres universidades galegas que “nos axuda a facer país”, subliñando a axenda científica común que fomentará o centro. Na mesma liña, o reitor da UVigo remarcou o “faro de luz” que o CITMAga debe constituír para toda Galicia, mentres que o reitor da UDC definiu a xornada como “un día magnífico para o conxunto do Sistema Universitario de Galicia”. Pola súa banda, a decana da Facultade de Matemáticas, Elena Vázquez Cendón, apuntou que o CITMAga permitirá “aproveitar o talento senior pero tamén reter a xente máis nova”.
A xornada estivo dirixida ao persoal investigador vinculado ao CITMAga. Nela, a directora científica en funcións do CITMAga, Rosa Crujeiras, detallou a axenda científica do centro para o futuro, destacando “catro áreas de investigación e transferencia, tres delas orientadas a retos globais (sociedade dixital, vida e sustentabilidade e competitividade industrial), e unha área de ciencia e coñecemento que realmente é transversal a todas as demais”. Crujeiras subliñou “que esta axenda permitiu que se interesaran polo centro non só investigadoras e investigadores que veñen do ámbito das matemáticas, senón tamén da física e da enxeñaría”, un indicador das boas perspectivas que abre o CITMAga.
Fonte: DUVI.


