O campus Vigo Tecnolóxico acollerá o vindeiro mes unha competición de ciberseguridade

Vigo TecnolóxicoO campus Vigo Tecnolóxico acollerá o vindeiro mes unha competición de ciberseguridade

Disputarase simultaneamente en atlanTTic, no CITIC da Universidade da Coruña e en liña

As universidades de Vigo e da Coruña (UDC) manteñen unha estreita colaboración no eido da ciberseguridade, que se materializa nun mestrado interuniversitario e nunha cátedra compartida por ambas institucións neste eido. Agora, as dúas universidades poñen ademais en marcha a CITIC Cyber Competition, un reto destinado ao alumnado para que poña a proba as súas habilidades en ciberseguridade. O evento está organizado polo CITIC (Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións da UDC), atlanTTic (Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación da UVigo), a Cátedra R en Ciberseguridade e o MUNICS (Máster Inter-Universitario en Ciberseguridade).

A cita terá lugar o vindeiro 23 de febreiro e as persoas participantes poden elixir entre competir en modalidade en liña ou facelo presencialmente nas instalacións do centro de investigación atlanTTic, situado na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación do campus Vigo Tecnolóxico, ou no CITIC da UDC.

Catro horas para demostrar os coñecementos en ciberseguridade

Durante catro horas, o alumnado participante de calquera nivel universitario deberá practicar e desenvolver as súas habilidades no ámbito da seguridade informática. Organizado en equipos de entre unha e cinco persoas, enfrontaranse a diferentes retos relacionados con diversas temáticas, como a esteganografía, é dicir, as técnicas que permiten ocultar mensaxes ou datos dentro doutros de xeito que non se perciba súa existencia; a ciencia forense ou o pentesting, unha práctica consistente en atacar un sistema informático coa intención de atopar as súas debilidades de seguridade.

Para participar só é preciso ter un ordenador con conexión a internet e inscribirse antes do 15 de febreiro a través do seguinte enlace. Os equipos que obteñan a mellor puntuación recibirán tres premios por valor de 1000 €, 700 € e 300 €, entregándose ademais agasallos a todas as persoas participantes en modalidade presencial. Estes galardóns están financiados pola Cátedra R en Ciberseguridade.

Programa do acto

A xornada arrancará ás 15.30 horas, cunha mesa de apertura na que participarán Martín Llamas, director de atlanTTic; Manuel F. González Penedo, director do CITIC da UDC e Alfredo Ramos, director de R e grupo Masmovil en Galicia. A partir das 16.00 horas comezará a competición e os gañadores desvelaranse ás 20.00 horas. As persoas encargadas de entregar os galardóns serán Ana Fernández Vilas, coordinadora do MUNICS na UVigo e Francisco Javier Nóvoa, coordinador do MUNICS na UDC.

Fonte: DUVI.