A proba piloto propón o uso dun robot que axuda ás tarefas de vixilancia
A Universidade de Vigo acolleu este xoves a presentación de resultados da primeira proba piloto que se realizou en Galicia, pioneira a nivel mundial, de Network Slicing 5G, unha tecnoloxía ultraavanzada que permitirá xerar novos servizos e avanzar na transformación dixital da sociedade. O consorcio encargado de pór en marcha o proxecto está integrado polo Grupo de Tecnoloxías da Información do atlanTTic da UVigo, e as empresas Telefónica, Securitas, Alisys, ZTE e Cisco, involucrados en una investigación que sitúa a Galicia á vangarda deste tipo de tecnoloxías, e senta as bases das funcionalidades 5G que estarán dispoñibles na rede comercial a medio prazo.
A presentación realizouse na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación (EET) onde se amosaron os principais resultados acadados, como é a despregadura e implantación da primeira rede europea 5G SA, unha “rede virtual” que ofrece servizos que van moito máis aló do que ofertan as actuais redes 5G e que permitirá nun futuro próximo a creación de redes a medida para cada tipo de cliente ou sector (industria 4.0, smart-city, emerxencias…). A proba piloto empregou a robótica máis avanzada como complemento ás tarefas de vixilancia física do propio campus universitario de Vigo. A xornada contou coa presenza do reitor, Manuel Reigosa, que subliñou a importancia do Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación atlanTTic como “un dos sete recoñecidos como tal pola Xunta de Galicia, e dos que está a acadar resultados de investigación máis salientables”, ademais de recalcar a xanela que abre ao futuro a Universidade de Vigo con este proxecto. Asistiron tamén á presentación a directora da EET, Rebeca Díaz; a xerente de Innovación de Telefónica España, Mercedes Fernández, e o director de Innovación de Securitas Seguridad España, Germán Ibañez, así como distintos responsables de todas as empresas que participaron no consorcio, entre eles os investigadores Felipe Gil e Javier González Castaño, responsables na UVigo deste proxecto.
Un consorcio con socios de referencia
O papel da Universidade de Vigo na iniciativa foi o de centro de investigación en redes 5G, ademais de ser un colaborador activo no deseño, despregadura e validación do demostrador. Pola súa banda, Cisco foi o provedor do núcleo da rede 5 G SA e do software que facilita a virtualización, orquestración e automatización de servizos, proporcionando tamén os recursos de computación (servidores) e de transporte (switches), mentres que ZTE proveu as súas solucións comerciais de radio 5G SA e os teléfonos intelixentes que permiten o acceso, diferenciación e multiplexado dos clientes nas diferentes redes lóxicas creadas. No que atinxe a Alisys, como partner de Boston Dynamics en España, foi o provedor do robot, así como da plataforma de software que permite a teleoperación do dispositivo cuadrúpede. Iste capta a imaxe termográfica da contorna e imaxes 360º para trasladalas en tempo real ao posto de control, proporcionando información inmediata ao persoal de seguridade. Finalmente, Securitas colaborou na implementación da solución de seguridade baseada nas devanditas tecnoloxías.
O salto da investigación básica ao cliente final faise realidade
Felipe Gil do atlanTTic da Universidade de Vigo subliñou que, grazas a este traballo, púidose acompañar a todas a estas empresas nos diferentes pasos que levan, desde a investigación básica nos conceptos que están detrás da virtualización da rede, á súa aplicación práctica nun escenario realista. “Este camiño axudounos a coñecer a fondo todo o esforzo que teñen que realizar os fabricantes de equipos, os operadores e os integradores para facer chegar os resultados da investigación aos usuarios, o que nos permite orientar mellor o noso traballo á súa aplicación práctica”, resaltou Gil. A directora da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, Rebeca Díaz, aludiu ao orgullo que supón para a ETT que os seus docentes e persoal investigador traballen sempre á vangarda da tecnoloxía. “Os éxitos alcanzados nestes ámbitos trasládanse a todos os ámbitos formativos e así garántese que a formación do estudantado a todos os niveis (grao, mestrado e doutoramento) sexa punteira, o que se reflicte nunha alta demanda destes perfís formados nesta escola”, recalcou a directora.
Pola súa banda, a xerente de innovación de Telefónica, Mercedes Fernández, explicou que a tecnoloxía Network Slicing, aplicada ás redes 5G Stand Alone, permitirá ofrecer servizos á medida de cada cliente, cunha calidade de servizo específica, insistindo na posta en valor do salto da investigación básica ao cliente final. “Con esta proba de concepto ofrecemos unha visión de como as redes 5G ultra evolucionadas repercutirán de forma directa na transformación dixital das empresas e da sociedade no seu conxunto”, recalcou a experta.
A proba piloto aplicou todas estas tecnoloxías a un servizo de vixilancia remota a través do robot Spot da empresa Boston Dynamics que, conectado a esta rede 5G ultraavanzada, ofrece todo un abano de posibilidades para operar en situacións de emerxencia e peligrosidade. Isto permite incrementar a seguridade das persoas “gracias á ultrabaixa latencia e á extrema velocidade coa que flúen os datos”, tal e como subliñou Rodolfo de Benio, director de Transferencia Tecnolóxica de Alisys.
Nesta mesma liña, o responsable de Innovación de Securitas fixo fincapé en que a confluencia dos avances en conectividade, robótica e seguridade electrónica fan que este “concepto futurista da protección sexa unha realidade que moi pronto podería formar parte das solucións de seguridade máis avanzadas”.
Durante toda a presentación insistiuse en que as redes 5G deben ser flexibles e programables para adaptarse de forma dinámica aos distintos casos de uso e, neste senso, o director de Innovación e Transformación Dixital de Cisco España, Antonio Conde, amosou a súa satisfacción por ter proporcionado “o corazón da rede e as capacidades de slicing neste proxecto pioneiro que abre todo un abano de posibilidades para a dixitalización de múltiples sectores no noso país”.
Fonte: DUVI.


