O alumnado da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación proba tecnoloxía aínda non dispoñible no mercado grazas aos hackathons 5G

Vigo TecnolóxicoActualidadeO alumnado da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación proba tecnoloxía aínda non dispoñible no mercado grazas aos hackathons 5G

Tras abordar a realidade aumentada e a industria 4.0, o desafío agora é a condución autónoma

A Escola de Enxeñaría de Telecomunicación acolleu este mércores –por terceira vez en menos dun ano- un hackathon 5G, unha competición na que se reta ao alumnado a resolver diferentes retos tecnolóxicos empregando tecnoloxía 5G que aínda non está dispoñible no mercado, pero que, en breve, formará parte del. O obxectivo é que o alumnado probe, traballe, experimente e, sobre todo, coñeza as vantaxes das últimas novidades da tecnoloxía 5G. No primeiro hackathon, celebrado o pasado verán, o reto xiraba en torno á realidade aumentada; no segundo, en decembro, abordouse a industria 4.0; e o último, celebrado este mércores, centrouse no mundo da condución autónoma.

Organizado ao abeiro do Plan Nacional 5G Teleco-Vigo, e financiado por Red.es, as actividades do último hackathon 5G arrancaron a primeira hora da mañá cunha presentación que contou coa participación da directora da escola, Rebeca Díaz; o responsable académico da competición, Felipe Gil, profesor e investigador de atlanTTic, e Xosé Ramón Sousa, responsable de Innovación de Optare Solutions, empresa que colaborou na organización da proba. Nesta ocasión, o reto estivo moi vinculado ao proxecto piloto 5G que converteu a Vigo na primeira universidade galega en probar as vantaxes da tecnoloxía 5G para lograr un “smart campus”.

Competencias para o futuro profesional

A directora da escola, Rebeca Díaz, destacou a grande oportunidade que supón para as alumnas e alumnos unha competición “de carácter tan práctico e que complementa a formación que reciben nas aulas”, ao que engadiu que a actividade se enmarca dentro do plan do centro orientaTE, polo que os estudantes participantes reciben un recoñecemento docente ao final do curso académico. Pola súa banda, Optare subliñou que as tecnoloxías coas que se traballa no hackathon son as que estiveron presentes nas diferentes actividades organizadas arredor do Mobile World Congress celebrado a finais de febreiro en Barcelona, salientando o seu carácter punteiro.

Pilotos “en control remoto”

Nesta edición participaron no hackathon tres grupos compostos por 12 alumnos de 3º e 4º curso do Grao en Enxeñaría de Tecnoloxías de Telecomunicación. O reto consistiu en completar un circuíto de condución mediante o control remoto dun coche a través da rede 5G de Orange. Ao longo do circuíto atoparon diversos puntos de verificación sobre os que tiveron que detectar e recoñecer, mediante visión artificial, o texto dun conxunto específico de imaxes para conseguir bonificacións que se sumaron ao marcador final da competición. “Ides poder probar as tecnoloxías de Edge Computing na propia rede comercial de Orange e ver como se pode implantar toda a tecnoloxía relacionada co coche conectado, aínda que sexa a través dunha maqueta de radio control”, explicou Felipe Gil aos participantes.

Fonte: DUVI.