Música, ciencia, cultura, deporte e, por riba de todo, moita información nas xornadas de benvida ao novo alumnado

Vigo TecnolóxicoActualidadeMúsica, ciencia, cultura, deporte e, por riba de todo, moita información nas xornadas de benvida ao novo alumnado

Do 5 ao 7 de setembro nos campus de Pontevedra, Ourense e Vigo, respectivamente

O estudantado que o vindeiro curso 2022/2023 se incorpore á UVigo poderá dispor de toda a información que precise para desenvolverse na súa nova etapa universitaria en tres xornadas de benvida que terán lugar entre os días 5 ao 7 de setembro en cada un dos tres campus. Pontevedra será o primeiro en acoller a actividade, o luns 5 de setembro, cunha xornada que se desenvolverá das 10.00 ás 14.00 horas entre as facultades de Fisioterapia e Ciencias da Educación e do Deporte e na que o novo alumnado terá ao seu dispor información xeral sobre os seus dereitos e deberes, a tarxeta universitaria, aloxamento, transporte, bolsas, mobilidade, emprego, cultura ou deporte, así como de servizos específicos como a Unidade de Igualdade ou o Centro de Linguas. Para o estudantado internacional celebrarase unha charla informativa e presentación dos cursos de idiomas, ademais da realización dun test de nivel de español, na Aula 06 da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte.

“Queremos que o novo alumnado reciba toda información necesaria para desenvolverse na vida universitaria e nas xornadas de benvida poderán informarse con detalle sobre todos os servizos que ofrece a nosa universidade e tamén de recibir algún agasallo”, sinalan desde a Vicerreitoría de Estudantado e Empregabilidade. Así mesmo, ao longo da xornada haberá música, actividades científicas e culturais, actividades deportivas e as e os asistentes poderán disfrutar de xeados e bebidas.

Ourense, o día 6 e Vigo, o día 7

As xornadas de benvida continuarán no campus de Ourense o martes día 6 e en Vigo o día 7. No caso de Ourense, a actividade xeral terá lugar entre as 10.00 e as 14.00 horas na praza do Monumento Nós, diante da biblioteca universitaria Rosalía Castro, mentres que o estudantado internacional está citado ás 10.00 horas na aula magna da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo.

O campus de Vigo acollerá a súa particular xornada de benvida o mércores 7 de setembro na praza Miralles, onde, entre as 10.00 e as 14.00 horas, o novo alumnado recibirá toda a información que precise para afrontar o curso. Pola súa banda, o estudantado internacional reunirase ás 10.00 horas no salón de actos da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais.

 

Fonte: DUVI