Mención de excelencia para o Máster en Matemática Industrial

Vigo TecnolóxicoActualidadeMención de excelencia para o Máster en Matemática Industrial

A titulación impártese na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación en colaboración coa UDC, USC, UC3M e UPM.

Se o curso pasado foron os mestrados de Tradución para a Comunicación Internacional e Biotecnoloxía Avanzada os primeiros títulos da Universidade de Vigo en conseguir a mención de Máster Universitario Excelente da Xunta de Galicia, este ano súmase a esta lista o Máster en Matemática Industrial, impartido entre as universidades da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo, xunto coa Universidad Carlos III e a Universidad Politécnica de Madrid.

Na Universidade de Vigo coordina este título o catedrático do Departamento de Matemática Aplicada II José Durany, quen considera que a consecución desta mención é un recoñecemento ao traballo colectivo de todas as persoas que se involucraron nesta titulación. Durany afirma que se trata dun proxecto “ben pensado desde o seu inicio e desenvolto para conseguir a complicidade formativa entre o equipo docente, o alumnado e as empresas colaboradoras”. O coordinador subliña que é tamén un recoñecemento á iniciativa e emprendemento dun alumnado “capaz de achegar solucións a moitos problemas reais que teñen as empresas, tanto industriais como de servizos, mediante modelos matemáticos, xemelgos dixitais e algoritmos apropiados”.

16 anos dun título pensado para resolver problemas reais

O Máster en Matemática Industrial arrancou no ano 2006 como Máster de Enxeñaría Matemática das tres universidades galegas e no ano 2013 foi cando se produciu a incorporación a este proxecto das dúas universidades madrileñas e o cambio de denominación. “Estes cambios axudáronnos a ter unha maior visibilidade para o alumnado e o tecido empresarial a nivel nacional”, salienta o docente, subliñando os “16 anos de experiencia docente” dun mestrado que na UVigo se imparte na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación.

En canto aos principais puntos fortes da titulación Durany ten claro que son tres. Para empezar, “a unha titulación como a nosa, na que no seu nome aparece a palabra matemática, non lle queda outra que basearse no rigor”, nesta liña destaca que se lle proporciona ao alumnado unha formación “moi sólida” en modelización matemática e as súas aplicacións para resolver “problemas reais”. A isto únese o feito de que a metade dos estudantes proveñen de graos como Matemáticas e Física e a outra metade de enxeñarías, o que, desde o seu punto de vista, enriquéceos mutuamente e ábrelles os campos de visión científica e tecnolóxica. Como terceiro factor Durany sitúa ás empresas, sen as cales o título non tería sentido.  “Temos credibilidade para moitísimas empresas galegas, nacionais e europeas e todos os cursos nos propoñen aqueles problemas que os ocupan e lles preocupan para que os nosos estudantes traten de resolvelos, constituíndo isto o seu Traballo Fin de Mestrado”. Esta integración do estudante na empresa mediante prácticas ou desenvolvendo o seu TFM é o punto final dun proceso formativo que “está funcionando moi satisfactoriamente para todos os colectivos: alumnado, docentes e representantes das empresas”.

Fonte: DUVI.