Máis dun cento de estudantes da UDC e a UVigo poñen en práctica as súas habilidades en ciberseguridade no CITIC Cyber Competition

Vigo TecnolóxicoActualidadeMáis dun cento de estudantes da UDC e a UVigo poñen en práctica as súas habilidades en ciberseguridade no CITIC Cyber Competition

111 estudantes participan o mércores 23 no CITIC Cyber Competition, un reto organizado polo CITIC da UDC, o atlanTTic da UVigo, a Cátedra R en Ciberseguridade e o MUNICS (Máster Interuniversitario en Ciberseguridade) para demostrar habilidades en ciberseguridade. A cita desenvólvese simultaneamente nos campus de Vigo e A Coruña e tamén en modalidade virtual.

No campus de Vigo participaron 28 alumnos e alumnas, principalmente do grao e dos mestrados da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación. Repartidos en oito grupos, ao longo da xornada enfrontáronse a retos relacionados con diversas temáticas, como a esteganografía, é dicir, as técnicas que permiten ocultar mensaxes ou datos dentro doutros de xeito que non se perciba a súa existencia; a ciencia forense ou o pentesting, unha práctica consistente en atacar un sistema informático coa intención de atopar as súas debilidades de seguridade. En total, a competición comprende 22 retos divididos nas seguintes categorías: reversing, web, forense, esteganografía, osint, rede e criptografía.

O elevado número de persoas inscritas fixo que se trasladase a cita no Campus de Vigo ao novo espazo Incuvi, na praza Miralles, en lugar da localización prevista nas instalacións de atlanTTic. A estes estudantes en Vigo súmanse outros 51 que participaron dende a sede da Coruña no CITIC, e outros 60 que compiten en modalidade virtual.

Premios para os tres primeiros equipos

Esta actividade vén a fortalecer aínda máis os lazos entre as universidades de Vigo e A Coruña, que manteñen unha estreita colaboración no eido da ciberseguridade, que se materializa nun mestrado interuniversitario e na Cátedra R que tamén comparten ambas institucións. Os encargados de dar a benvida ás persoas participantes e de inaugurar a competición foron Martín Llamas, director de atlanTTic; Manuel F. González Penedo, director do CITIC e Alfredo Ramos, director de R e grupo Masmovil en Galicia. Os galardóns foron entregados por Ana Fernández Vilas e Francisco Javier Nóvoa, coordinadores do MUNICS na UVigo e na UDC respectivamente.

Fonte: DUVI.