Coa colaboración da UVigo e Asime para loitar contra a COVID-19.
Tamén se poden transformar en equipos de protección individual para persoal sanitario.
Lupeon, empresa especializada en enxeñaría e fabricación aditiva, en colaboración con enxeñeiros do ámbito industrial do centro de investigación Cintecx- UVigo e Asime, súmase á loita contra a COVID-19 co desenvolvemento de adaptadores con impresión 3D para converter, máscaras de mergullo en dispositivos de respiración para pacientes con coronavirus, e, en equipos de protección individual para persoal sanitario e asistencial a anciáns e persoas dependentes. A empresa localizada no polígono de Porto do Molle, en Nigrán, desenvolveu esta tecnoloxía en colaboración coa institución académica viguesa e Asime, que están a impulsar diversas iniciativas solidarias como a Plataforma Galicia Escudo-Covid19, para a produción de diversos materiais de protección contra o coronavirus.
Pola súa banda Dativic, empresa irmá de Lupeon, encárgase da loxística, acumular material e distribución, mentres que Lupeon desenvolve as solucións de enxeñaría. Desde Dativic fíxose desde hai semanas recompilación de material necesario para atallar esta crise e a día de hoxe varias destas pezas producidas por Lupeon xa están en hospitais galegos e residencias, onde estan a ser testadas e agardan validación.


