Persoal de investigación do Cintecx achega a mecánica de fluídos ás clases de ciencias dos institutos galegos

Vigo TecnolóxicoActualidadePersoal de investigación do Cintecx achega a mecánica de fluídos ás clases de ciencias dos institutos galegos

O pasado luns 20 de xuño, o persoal de investigación do Cintecx apropiouse por un día da atención dos mozos e mozas das clases de ciencias do Instituto de Educación Secundaria Rosais 2 da cidade de Vigo, achegando a teoría dos fluídos ao alumnado de 3º e 4º da ESO mediante a actividade “Fluídos Divertidos”. Esta experiencia interactiva, incluída dentro das denominadas “Researchers at Schools”, enmárcase nas actividades da G-Night (Noite Galega das Persoas Investigadoras), que ten como finalidade achegar a ciencia á sociedade dun xeito ameno.

Os investigadores do Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais da Universidade de Vigo, Eduardo Suárez, Miguel Concheiro e Marcos Conde, realizaron diferentes dinámicas e experimentos con fluídos, nas que o alumnado tivo a oportunidade de participar activamente coa intención de fomentar a aprendizaxe e interese sobre a materia e sobre as súas aplicacións na enxeñaría en xeral.

Baixo estas actividades afiánzase o compromiso do Cintecx coa la divulgación da ciencia e a cultura investigadora dunha forma diferente e máis amena ás novas xeracións de posibles investigadores e investigadoras, que construirán o futuro galego da ciencia.

 

Fonte: Cintecx