Persoal de investigación do CINTECX afonda no eido do Machine Learning

Vigo TecnolóxicoActualidadePersoal de investigación do CINTECX afonda no eido do Machine Learning

O curso impartiuse entre os días 23 e 27 de maio

Durante a penúltima semana de maio, un grupo de investigadoras e investigadores do Centro de investigación en Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais (CINTECX) puideron formar parte do curso “ Introdución ás técnicas de Machine Learning no ámbito da Enxeñaría” organizado polo mesmo Centro. O curso contou cunha duración total de 15 horas repartidas entre os días 23 e 27 desa semana.

No marco das xornadas de formación teórica e práctica, as e os participantes puideron comprender, afondar e experimentar no desenvolvemento de modelos de Machine Learning a partir dos conceptos básicos do problema de aprendizaxe, facendo fincapé na regresión e clasificación para desenvolver modelos coa metodoloxía train-validation-test, funcións de perda, estratexias e algoritmos de adestramento, cross validation e métricas de erro. A maiores, aproveitouse para perfeccionar os coñecementos dos asistentes, tanto de modelos non supervisados coma supervisados, ademais do estudo do algoritmo necesario para poder levar a cabo unha comparativa para a selección do modelo óptimo, minimizando os resultados aleatorios da selección do conxunto de validación.

Na derradeira sesión, o persoal de investigación do centro puxo en práctica o aprendido na elaboración dun caso práctico para un problema de clasificación e un de regresión, afondando en cuestións recorrentes que aparecen en casos reais.

A formación, que tivo lugar no Auditorio do CINTECX, foi impartida polo profesor Javier Martínez, membro do Departamento de Matemática Aplicada I da Universidade de Vigo, experto en técnicas de Intelixencia Artificial e membro do Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemática de Galicia (CITMAGA) e do CINTECX.

 

Fonte: CINTECX