Grandes ideas na edición viguesa da II Olimpíada Nacional de Teleco
Preséntanse múltiples prototipos e solucións para problemas relacionados co ODS 3: saúde e benestar
A II Olimpíada Nacional de Teleco reuniu na Escola de Enxeñaría de Comunicación a case 300 estudantes procedentes de medio cento de centros educativos de toda Galicia. As actividades estendéronse entre o xoves e o sábado da pasada semana.
A Olimpíada naceu o a no pasado como unha iniciativa de COITT/AEGITT co apoio de numerosas escolas de Telecomunicación de toda España. Nesta II edición o reto proposto foi desenvolver un prototipo programado co IDE de Arduino que puxese de manifesto como as telecomunicacións axudan ao cumprimento do obxectivo de desenvolvemento sostible (ODS) 3: saúde e benestar.
Na xornada do xoves participaron 172 estudantes de ESO de 23 centros educativos; o venres fixérono 109 estudantes de FP e Bacharelato e o sábado foron cinco estudantes de 2º de Bacharelato que participaron de xeito individual.
Tecnoloxía para a saúde e o benestar
Entre os traballos presentados por estudantes de ESO, os representantes do CPI Luis Díaz Moreno de Baralla en Lugo amosaron a súa particular ecoclase, “unha aula na que cando a temperatura sexa elevada se encenda de maneira automática un ventilador ou que, cando alguén se sinta mal, poida premer un botón que avisa directamente á enfermaría”. Pola súa banda, o equipo do colexio San Miguel 2 de Vigo, explicou o seu ‘pastilleiro electrónico’: “un proxecto co que queremos mellorar a vida das persoas maiores e dependentes”.
Un equipo de alumnas do colexio plurilingüe María Auxiliadora Salesianos Ourense deseñou o que denominaron un “ VentilaGym, un sistema de ventilación para espazos pechados aplicado, neste caso, a un ximnasio”. Desde o IES Rosais de Vigo optaron por deseñar unha aula dotada de diferente equipamento técnico, “incluído un medidor de CO2, outro de humidade e outro de temperatura e, dependendo de si está ou non dentro dos valores que nós escollemos, abriranse as ventás ou prenderanse os ventiladores”. Son só algún dos exemplos dos múltiples traballos que se foron presentando ao longo de toda a mañá.
Premios en ESO, Bacharelato e FP
A dotación económica dos premios é de 400 euros para o equipo coa mellor solución técnica, outros 400 € para o seu instituto, 300 € para o equipo coa proposta máis orixinal e 200 € para o grupo que presente a solución tecnolóxica máis aliñada co ODS 3, no caso de ESO.
O financiamento destes premios chega da man de catro das empresas de ConexiónTeleco, a rede de compañías que colaboran de xeito habitual coa escola: Cátedra Indra, Cátedra R, BorgWarner e Televés. “Elas son as que nos axudan coa compra do material para os equipos que participan na competición e, a maiores, dan os premios da fase galega”, explica a directora da escola.
No caso dos premios individuais para alumnado de 2º de Bacharelato, novidade deste ano, haberá un primeiro premio de 400 euros, un segundo de 300 e un terceiro de 200.
Resultaron premiados estudantes de 3º de ESO do CPR Montecastelo polo proxecto ‘Alerta Automática de Accidentes’. “Invernadero de cultivo hidropónico”, de estudantes de 4º de ESO do IES Os Rosais II, obtivo a distinción de proxecto máis orixinal. A “EcoClase”, de estudantes de 2º de ESO do CPI Luís Díaz Moreno de Baralla, levou o galardón á proposta máis aliñada co ODS.
En Bacharelato, gañaron “LixoAndGo” do IES Isaac Díaz Pardo; “SegurVigal” do IES Rosais II; e “SmartGarden” do IES de Pastoriza.
En FP foron distinguidos os proxectos “Pasos seguros” do CEIP A Farixa, “MultiVacs” do IES Monte da Vila e “Telemedida e monitorización de parámetros de sáude online” do IES Daviña Rei.
O venres continuaron as II #OlimpiadasTeleco coa fase clasificatoria dos equipos de FP e Bacharelato. Como o día anterior, as alumnas e alumnos tiveron que defender os seus proxectos e posteriormente expuxéronos nos stands do corredor. @TelecoGames pic.twitter.com/h59Bw6wvHc
— E.E. Teleco Vigo (@EETelecoVigo) April 29, 2024
Camiño á final
Todo isto deu de si a edición viguesa das Olimpíadas, postas en marcha o curso pasado a nivel nacional da man de 20 escolas de enxeñería de telecomunicación de toda España ―25 nesta edición― e do Colegio Oficial de Ingenieros Técnicos de Telecomunicación como unha iniciativa coa que contribuír a espertar vocacións científico-tecnolóxicas, promocionar os estudos de telecomunicación, a cultura científica, a tecnoloxía e a innovación.
Resta unha segunda fase que se celebrará o mes que vén e na que se medirán gañadores e gañadoras das competicións locais. Parabéns e moita sorte a todas as persoas premiadas!
Máis información



