Gain e a Fundación Barrié celebran o “Foro Ignicia: A transferencia de coñecemento en Galicia”

Vigo TecnolóxicoActualidadeGain e a Fundación Barrié celebran o “Foro Ignicia: A transferencia de coñecemento en Galicia”

A Axencia Galega de Innovación (Gain) e a Fundación Barrié celebraron o pasado venres 16 na Coruña o Foro Ignicia: A transferencia de coñecemento en Galicia, un evento que abordou as contribucións tecnolóxicas da comunidade investigadora galega ao tecido empresarial da nosa rexión. O foro supuxo un punto de encontro dos diferentes axentes do eido da innovación galega, presentando a situación da transferencia de resultados de investigación en relación co contexto español e europeo, e abrindo un marco de reflexión e de actuación de cara ao futuro.

A cita estivo presidida polo presidente da Fundación Barrié, José María Arias, e o vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación da Xunta de Galicia, Francisco Conde, quen expresou a confianza do Goberno galego en que Galicia poida saír fortalecida do contexto actual, grazas a un ecosistema de I+D+i consolidado e aberto tanto á sociedade como ao tecido económico. Ao longo da xornada presentáronse dous estudos promovidos por Gain e a Fundación Barrié, A transferencia de resultados de investigación no Sistema Galego de I+D. Informe 2011-2018 e Análise organizativo e funcional das unidades de transferencia do Sistema Galego de I+D, nos que afondaron Rogelio Conde-Pumpido, coordinador dos devanditos estudos, e Fernando Galindo-Rueda, economista sénior da Dirección de Ciencia, Tecnoloxía e Innovación da Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económicos (OCDE).

Así mesmo, a directora de Gain, Patricia Argerey, presentou as claves do propio Programa Ignicia-Transferencia de Coñecemento, unha iniciativa pioneira en España que está contribuíndo a potenciar o ecosistema galego de I+D+i, apoiando a detección temperá de proxectos e propiciando a súa transferencia para transformala en riqueza empresarial. Dende a súa orixe, o programa ten apoiado 16 proxectos cun investimento público de 7M€, permitindo a consolidación de máis de 120 postos de traballo e o nacemento de nove novas empresas. Dúas delas (ALiCE Biometrics e Celtarys) presentaron no evento a súa experiencia como spin-off. Antonio Abril, presidente da Conferencia de Consellos Sociais das Universidades Españolas, analizou neste punto a interacción empresa-universidade ante os novos retos socioeconómicos, mentres que Fernando Conesa, xefe do Servizo de Promoción e Apoio á Investigación, Innovación e Transferencia na Universidad Politécnica de Valencia, abordou o desenvolvemento profesional do persoal de xestión e investigación.

O Foro Ignicia reafirmou a aposta por un modelo galego de transferencia innovador e integrador, que conte con profesionais cualificados e estea apoiado pola Administración pública, salientando a importancia da creación de sinerxías e a aliñación de obxectivos de cara á próxima elaboración da Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3) de Galicia.

A retransmisión completa do evento está dispoñible no seguinte video:

Fonte: GAIN.