Son un dos cinco equipos que participan esta fin de semana en Madrid nun hackathon de programación
Despois de cinco meses de competición, un grupo de estudantes da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación (EET) da UVigo participarán esta fin de semana na final do HPE CDS Tech Challenge, un concurso nacional para programadores que convoca a empresa Hewlett Packard Enterprise (HPE). O equipo Zamburiñas, formado por Pablo Cores, Daniel López, Alejandro Mateo Costa, Nicolás Sousa e Javier Bilbao, medirase a outros catro finalistas, clasificados entre un total de 58 equipos que iniciaron este concurso no mes de novembro. A cita será este sábado ás 14.00 h, inicio dun hackathon de programación que se prolongará durante 24 horas ininterrompidas nas oficinas do grupo HPE en Las Rozas de Madrid.
Con esta competición a compañía busca identificar e desenvolver talento novo, apostando por unha versión innovadora e avanzada dos tradicionais hackathons. O tema principal dos retos e probas que os equipos tiveron que ir superando dende novembro é unha cidade do futuro chamada Anthem. Ao longo das tres fases que conforman o HPE CDS Tech Challenge, as e os participantes foron coñecendo esta cidade do ano 2051, contribuíndo a mellorar a súa contorna e aprendendo a empregar a tecnoloxía para crear un mundo mellor.
Os cinco membros do equipo vigués, que cursan 2º do grao en Enxeñaría de Tecnoloxías da Telecomunicación e participan por primeira vez nunha competición deste tipo, afirman que decidiron participar “para aprender algo novo, vivir unha experiencia e, un pouco, por ocupar o tempo que tiñamos fóra da carreira”. O grupo, denominado Zamburiñas, deberá medirse cos equipos Overflow, da Universidade de Santiago de Compostela; Sudo Team, da Universidade Europea de Madrid; Programmatori Team, da de León e EboraFuture, de Castela A Mancha. En total serán 21 os estudantes que competirán pola vitoria final que lles permitirá obter premios entre os que se inclúe un programa de bolsas para traballar no grupo HPE.
Cinco meses de competición
HPE CDS Tech Challenge dividiuse en tres fases. A primeira, desenvolvida entre os meses de novembro e febreiro, consistía en superar catro probas orientadas ao mundo do desenvolvemento de software, a algoritmia e a lóxica, para conseguir as chaves da cidade do futuro. Nesta fase participaron 246 estudantes, divididos en 58 equipos de 19 universidades.
Para a segunda fase clasificáronse 71 estudantes de 16 equipos procedentes de 11 universidades. Durante o mes de marzo tiveron que resolver un conflito da cidade Anthem mediante o uso de habilidades técnicas. De entre eles, saíron os cinco equipos que agora se medirán na final.
O equipo vigués explica que na primeira fase do concurso tiveron que afrontar catro retos, “en xeral accesibles”. Por unha banda, descubrir o cifrado que tiña unha mensaxe; por outra, partindo dun docker no que había unha base de datos en SQL con información sobre posibles terremotos, determinar cal era o máis probable nunhas datas concretas; no terceiro reto recibiron “unhas entradas a un panel LED e un script feito en Python, que estaba completamente desordenado, do que tiñamos que recuperar o script para poder tratar a secuencia de entrada ao panel e obter o que se amosaría”. “Por sorte”, lembran, “semanas antes deste reto” abordaran na materia de Electrónica Dixital os paneis LED. O cuarto reto da primeira fase consistiu nun arquivo excel cos rexistros dos caixeiros da cidade a partir do que tiñan que obter “o total do diñeiro roubado e o mínimo número de billetes para obter esa cantidade”.
Unha vez superada esta primeira parte do concurso, o equipo vigués afrontou unha fase de maior complexidade. Dispoñendo do mesmo tempo que tiveron para cada un dos retos da fase previa (1 mes), tiveron que dar resposta a un dos tres temas propostos pola organización: deseñar un sistema de monitorización do estado das acometidas de augas da cidade de Anthem; un sistema de control do tráfico ou outro para o departamento de limpeza. Zamburiñas apostou pola última proposta e creou un sistema para que os camións de lixo realicen rutas dinámicas en función do estado dos colectores da cidade. “Pareceunos que este sería o que antes podería ser aplicable no día a día e ao que mellor podíamos dar solución pola cantidade de información existente sobre o problema de enrutamento de vehículos e a xeración de rutas”.
Fonte: DUVI.


