Profesora titular da Área de Explotación de Minas, exerce o cargo dende xullo de 2018
A profesora titular da Área de Explotación de Minas, Elena Alonso, foi reelixida este venres directora da Escola de Enxeñaría de Minas e da Enerxía da Universidade de Vigo. Co 100% dos votos emitidos a favor na xunta de escola celebrada de xeito presencial, Alonso non dubidou en agradecer a todos os presentes a confianza depositada na súa candidatura.
Xunto a Elena Alonso, que exerce como directora dende xullo de 2018, repiten no cargo todo o actual equipo directivo da escola: María Araújo, como subdirectora de Planificación e Organización Académica; Francisco Deive, como subdirector de Infraestruturas e Asuntos Externos; José Santiago Pozo, como subdirector de Relacións Externas e Mobilidade, e Guillermo García como secretario.
Dous grandes retos: captación de alumnado e visibilización da actividade profesional das persoas egresadas
Os principais retos que o equipo directivo do centro se marca para os vindeiros tres anos son dous. En primeiro lugar, poñerán o foco na captación de alumnado, especialmente para o Grao en Enxeñería dos Recursos Enerxéticos e Mineiros. A directora do centro fai fincapé en que unha parte “importantísima” desta misión está relacionada coa percepción e coñecemento que ten a cidadanía, empresas e administracións da actividade profesional das persoas egresadas, “que se asocia maioritariamente, ás veces case en exclusiva, só coa minería”, salienta, “cando en realidade formamos enxeñeiros e enxeñeiras tamén nos ámbitos de enxeñería da enerxía e enxeñería de materiais”.
O segundo desafío ao que farán fronte ten que ver coa visibilización da actividade profesional das persoas egresadas, e a súa función na sociedade actual. Alonso defende o “importante papel” que teñen e terán no actual escenario de transición enerxética as persoas que se forman neste centro para enfrontarse aos retos tecnolóxicos que emerxen. En base a esta nova realidade nos últimos anos completaron xa a modificación das titulacións –obtendo a acreditación institucional e recertificado do Sistema de Garantía Interno de Calidade-, actualizando contidos, competencias e habilidades de cada un dos graos. “Incrementamos a formación en tecnoloxías de xeración de enerxías renovables e eficiencia enerxética no Grao en Enxeñería da Enerxía e intensificamos a formación en tecnoloxías de reciclaxe e xestión de residuos no Grao en Enxeñaría dos Recursos Mineiros e Enerxéticos”, explicou a directora.
Outra das accións prioritarias neste novo mandato será tamén a elaboración do Plan Estratéxico do centro. “Estes tres anos traballamos moito e en moitos frontes, pero é moi importante ter claro onde queremos estar e cales son os nosos obxectivos”, salienta a directora. Neste sentido, destaca que o Plan Estratéxico vai ser unha “ferramenta absolutamente necesaria, que nos permitirá tomar decisións priorizando esforzos e recursos materiais”.
Un centro moi comprometido coa construción de valores igualitarios
En canto á valoración dos últimos tres anos á fronte da escola, Alonso sostén que foron “moi enriquecedores e intensos”, pero se de algo se sinte especialmente “satisfeita e agradecida” é de todo o traballo que se ten levado a cabo en materia de igualdade. “Quixera pór en valor o traballo de Teresa Rivas, quen ata o de agora asumiu a responsabilidade de enlace de igualdade do centro”, recalca. Nesta liña, lembrou que na escola tense xerado un “xerme de solidariedade e compromiso coa construción de valores igualitarios que non ten marcha atrás e que vai ir a máis. Tratamos de contribuír á formación integral das persoas, así que este aspecto foi e é moi importante”. Por outra banda, no día da súa reelección como directora Alonso tamén quixo subliñar a “fortuna” de contar no centro cunha comunidade “moi participativa e implicada” coa vida académica. “Nestas condicións, incluso coas dificultades derivadas da situación sanitaria, é un luxo liderar un proxecto deste tipo”, recalcou.
Experta en Explotación de Minas e ampla experiencia como xestora
Enxeñeira de Minas pola Universidade de Oviedo e doutora pola de Vigo dende o ano 2002, con Premio Extraordinario de Doutoramento, Elena Alonso Prieto centrou sempre o seu labor investigador no ámbito da área de coñecemento de Explotación de Minas, campo no que tamén desenvolve o seu labor docente. En canto ás tarefas de xestión, cabe destacar o cargo desempeñado como directora de Estudos de Posgrao da Universidade de Vigo dende 2006 a 2012, e como Xestora de Proxectos de Investigación da Xunta de Galicia entre 2008 e 2013.
Fonte: DUVI.


