Cintecx participa no proxecto DES.CO2 que busca reducir a dependencia da industria conserveira dos combustibles fósiles

Vigo TecnolóxicoActualidadeCintecx participa no proxecto DES.CO2 que busca reducir a dependencia da industria conserveira dos combustibles fósiles

A investigación é froito da colaboración entre Anfaco e o grupo APET da UVigo e enmárcase no Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia

Galicia é a primeira industria conserveira de Europa e a segunda do mundo, representando este sector preto do 3% do PIB autonómico e o 0,15% a nivel estatal. A saúde deste ámbito segue a ser moi boa e, a pesar da pandemia, a súa facturación estatal aumentou nun 5%. Pero as fontes de enerxía térmica que emprega principalmente este sector son os combustibles fósiles, como el fueloil, o gasóleo e o gas natural, altamente contaminantes, cun uso que representa o 80% das emisións de dióxido de carbono a nivel global. De feito, case a metade da enerxía que consumen estas empresas procede deste tipo de combustibles fósiles e o gasto enerxético anual é duns 80 millóns de euros.

Para afrontar unha transición enerxética neste sector, a Universidade de Vigo e Anfaco-Cecopesca acaban de poñer en marcha o proxecto DES.CO2, no que está implicado o grupo de investigación Applied Power Electronics Technology (APET) do Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais (Cintecx) da UVigo. O proxecto terá unha duración de 26 meses e un orzamento total de 650.257€, dos cales 590.480€ son subvencionados. Trátase dunha iniciativa seleccionada dentro da convocatoria de axudas a agrupacións de entidades que realicen proxectos de investimento e reforma en materia de investigación para o desenvolvemento tecnolóxico, a innovación e o equilibrio da cadea de comercialización no sector pesqueiro e da acuicultura, no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR) do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, con fondos Next Generation da UE.

Tres tecnoloxías innovadoras e disruptivas

O obxectivo principal do proxecto é avaliar en diferentes prototipos de procesado de produtos primarios do mar distintas tecnoloxías emerxentes que permitan reducir o consumo de combustibles fósiles nos procesos térmicos na industria conserveira, como a cocción e a esterilización. A investigación avaliará o uso de tres tecnoloxías emerxentes e disruptivas para reducir os consumos enerxéticos e avanzar na electrificación de procesos a partir de fontes de enerxía renovable. Por unha banda, avaliarán a viabilidade da indución, un sistema de quecemento sen contacto baseado en electromagnetismo que consigue unha maior eficiencia e máis seguridade, e non precisa ciclo de quecemento-arrefriamento. Esta modalidade ten vantaxes sobre os sistemas convencionais, como resistencia, auga quente, gas ou vapor, xa que ao non precisar contacto é moi eficiente e o calor xérase dentro do sistema que o consume. Isto significa un quentamento directo da superficie do metal sen inercia térmica e sen perdas por condución.

Pola súa banda, tamén traballarán cos ultrasóns, ondas sonoras cunha frecuencia moi superior á percibida polo oído humano. O uso desta tecnoloxía no proceso de cocción xera unha maior retención de humidade dos produtos tratados á vez que unha maior eficiencia enerxética, optimizando os tratamentos térmicos convencionais.

A terceira alternativa que avaliarán será o quentamento óhmico, unha tecnoloxía en expansión na industria alimentaria, que permite a posibilidade de quentar materiais a través dun proceso interno de xeración de calor, é dicir, a enerxía atravesa o alimento para quentalo á vez por dentro e por fóra. Ademais, non quenta o medio que rodea o alimento e aproveita mellor a enerxía empregada. Deste xeito convértese nun dos métodos máis eficientes en aplicacións térmicas, e supón unha alternativa interesante para o procesado de alimentos ao favorecer un quecemento homoxéneo.

Resultados transferibles

Esta non é a primeira vez que Anfaco-Cecopesca e o grupo Applied Power Electronics Technology colaboran nun proxecto destas características. Anteriormente ambas entidades participaron na Unidade Mixta de Investigación Anfaco-Jealsa, Fábrica do Futuro, financiada pola Xunta de Galicia para a realización de probas experimentais con quecemento óhmico.

Dende Anfaco destacan que os resultados que se poidan obter no marco deste proxecto poderán ser “exportables” a empresas de alimentación doutros eidos que empregan os mesmos equipos que as conserveiras, como por exemplo a industria láctea. Máis aló, tamén agardan que poidan ter aplicacións no sector aeronáutico, que é intensivo en procesos térmicos de autoclave para fibras de carbono e ‘composites’.

Fonte: DUVI.