Cinco estudantes da EET impartiron un obradoiro de robótica ao alumnado de 6º de primaria do CEIP A Doblada

Vigo TecnolóxicoActualidadeCinco estudantes da EET impartiron un obradoiro de robótica ao alumnado de 6º de primaria do CEIP A Doblada

A Escola de Enxeñaría de Telecomunicación conmemorou así o Día das Rapazas nas TIC co obxectivo de alentalas a valorar as carreiras tecnolóxicas como unha opción de futuro

Para conmemorar o Día Internacional das Rapazas nas TIC, a Escola de Enxeñaría de Telecomunicación (EET) organizou a Xornada ‘Elas Fan TIC’ no CEIP A Doblada de Vigo. A xornada consistiu nun obradoiro sobre Lego Robotics que se impartiu no propio Centro, e no que participaron 26 estudantes de 6º de primaria, co obxectivo de darlle visibilidade ás carreiras tecnolóxicas e de enxeñaría para que as poidan valorar como unha opción de futuro.

O taller práctico foi impartido por cinco estudantes do Grao en Enxeñaría de Tecnoloxías de Telecomunicación, que actuaron como monitoras e monitores, e supervisado pola docente, investigadora e enlace de Igualdade na EET, Soledad Torres Guijarro.

Coa realización deste obradoiro as e os estudantes da EET transmitíronlle ao alumnado a súa paixón pola tecnoloxía, coa ilusión de ir espertando nas rapazas as vocacións cara o ámbito das tecnoloxías xa desde as etapas da educación primaria e conseguir así reducir a brecha de xénero dixital.

A actividade superou as expectativas tanto do profesorado do CEIP A Doblada coma do estudantado da EET, acadándose sobradamente os obxectivos do taller práctico.

 

Fonte: EET.