atlanTTic participa nun proxecto piloto 5G que aproxima as vantaxes da Educación 4.0 ás aulas universitarias

Vigo TecnolóxicoActualidadeatlanTTic participa nun proxecto piloto 5G que aproxima as vantaxes da Educación 4.0 ás aulas universitarias

Orange lidera o consorcio que presentou unha clase virtual con contido enriquecido en 3D na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación

A Escola de Enxeñaría de Telecomunicación (EET) acolleu este xoves a presentación de resultados dun novo proxecto piloto 5G liderado pola empresa Orange en colaboración co Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación atlanTTic da UVigo e a multinacional Capgemini. Esta nova rede móbil 5G achega ás aulas universitarias as vantaxes da denominada educación 4.0, facilitando a realización de clases virtuais nas que se combinan as tecnoloxías da realidade aumentada coas comunicacións 5G. Isto permite enriquecer a docencia con novos contidos avanzados que serán de utilidade non só para o caso de estudantes que sigan as clases desde os seus propios fogares, senón tamén para os que estean presentes na aula.

Enmarcada no Plan Nacional 5G, programa para o desenvolvemento de proxectos piloto de tecnoloxía 5G que executa a entidade pública empresarial Red.es, a iniciativa é impulsada polo Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital e conta coa cofinanciación do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder). “Este proxecto é un claro exemplo de como estas tecnoloxías permiten traer o futuro ao presente e con el poden tamén comprobarse de xeito claro os excelentes resultados que dá a colaboración público-privada”, recalcou na presentación o vicerreitor de Ordenación Académica e Profesorado Manuel Ramos.

Contidos avanzados que enriquecen a docencia

A tecnoloxía desenvolta neste proxecto piloto consiste na instalación na aula dun servidor e unha cámara que grava en alta definición e transmite en tempo real ao alumnado que se conecte en remoto. Na demostración os e as docentes empregan unhas gafas hololens (de realidade aumentada) para mostrar e manipular un modelo 3D, de forma que o alumnado poderá velo no seu móbil en tempo real. Deste xeito, tanto na aula como en remoto, os e as estudantes terán acceso a un material que facilita a aprendizaxe.

Neste caso a Universidade de Vigo colaborou como cliente final do proxecto, coa participación de varios investigadores e investigadoras do centro atlanTTic e docentes da EET como Ana Vázquez Alejos e Felipe Gil. Concretamente, encargáronse de definir os contidos docentes que posteriormente elaborou Capgemini, xunto coas aplicacións para as Hololens e para a vista en terceira persoa.

“As redes 5G permiten transmitir en tempo real información multimedia de alta calidade, que pode consultar tanto o estudantado que está presente, como o conectado en remoto para mellorar a comprensión dos contidos”, explica Felipe Gil, ao que engade que “este caso de uso mostra como se pode enriquecer a docencia con novos contidos avanzados soportados polas tecnoloxías 5G, tanto para a docencia presencial, a híbrida ou a remota”.

Froito da colaboración público-privada

Ao igual que o vicerreitor, Nani Fernández, directora de Relacións Institucionais de Orange España, insistiu na importancia da colaboración público-privada. “Con este proxecto demóstrase o bo que é colaborar empresas e institucións, sobre todo as universidades, onde están as alumnas e alumnos, que en breve serán o verdadeiro motor da economía e que deben estar en constante contacto coas empresas”, subliñou a responsable de Orange. Xunto a ela referiuse tamén a este aspecto a directora da escola, Rebeca Díaz, quen insistiu na idea de que os traballos que se realizan nestas liñas “tan novidosas” repercuten de xeito claro na formación que se lle dá ao alumnado, “unha formación que é eminentemente práctica e na que hai moito vínculo coas empresas”. Na presentación contouse tamén coa participación do director de atlanTTic, o profesor Martín Llamas, que fixo fincapé en que a tecnoloxía 5G é unha das liñas estratéxicas deste centro de investigación. En nome da empresa Capgemini, Pablo Herrero explicou as vantaxes da realidade aumentada como ferramenta de futuro, mentres que da presentación do caso de uso se fixo cargo a profesora Ana Vázquez Alejos. Pechou o acto, Francisco Javier García, director de Servizos Públicos Dixitais de Red.es, que puxo o acento en como este tipo de proxectos dan visibilidade ás vantaxes do 5G e “ás aplicacións tan disruptivas que traen consigo”.

Fonte: DUVI.