Organizadas pola asociación ADINGOR Joven, liderada por profesionais da enxeñaría da UVigo, terán lugar en modalidade virtual o 7 de xullo
A Asociación para el Desarrollo de la Ingeniería de Organización (ADINGOR), presidida polo catedrático da Universidade de Vigo J. Carlos Prado, aglutina os e as profesionais do mundo académico relacionados coa enxeñaría de organización. No seu seo naceu en 2019 ADINGOR Joven, unha agrupación pensada para dar acubillo a aquelas persoas que están comezando a desenvolver a súa carreira docente e investigadora neste eido. Unha das súas apostas foi a posta en marcha dunhas xornadas estatais anuais que, tras unha primeira edición en 2020, este verán volven celebrarse.
A cita será o 7 de xullo, como antesala do 15th International Conference on Industrial Engineering and Industrial Management e do XXV Congreso de Ingeniería de Organización. Desta asociación de mozos e mozas investigadores forman parte Iván González e Mar Fernández, membros do Grupo de Enxeñaría de Organización da Escola de Enxeñería Industrial da UVigo. Explican que a finalidade coa que naceu ADINGOR Joven é “xerar un espazo común no que os e as xoves de toda España vencellados ao eido académico da enxeñaría de organización poidan compartir as súas necesidades e inquedanzas. Así, esta agrupación está aberta a menores de 40 anos, con relación con esta área da enxeñaría, pero que sen unha posición estable na súa universidade. Na actualidade conta con membros de nove universidades (Vigo, Politécnica de Valencia, Sevilla, Valladolid, Carlos III de Madrid, País Vasco, Oviedo, Politécnica de Cataluña e Burgos), sendo a UVigo a que achega máis membros.
Tres eixos temáticos
Para esta segunda edición, os organizadores agardan contar coa participación de arredor de 100 persoas nas xornadas. O programa, explican Iván González e Mar Fernández, organízase en “tres sesións temáticas, que serán en liña e de balde, igual que o ano pasado”, cunha sesión para cada un dos piares da agrupación, é dicir, “investigación, transferencia e docencia”.
A xornada arrancará ás 09.30 h para abordar o eido da investigación e achegar consellos e estratexias para unha internacionalización eficiente desde as primeiras etapas da carreira académica. Os relatores serán Daniel Catalá, Borja Ponte e os propios Mar Fernández e Iván González. A segunda sesión, a partir das 12.00 h centrarase na transferencia de coñecemento, analizando as diferenzas entre proxectos de transferencia en España e no estranxeiro, e achegando información sobre o proceso de creación dunha spin-off, da man de Luis R. Izquierdo e Antonio Sartal. Por parte da UVigo, nesta sesión participarán os investigadores da Escola de Enxeñaría Industrial Iago Portela e Iria González. Finalmente, e xa pola tarde, terá lugar unha sesión sobre os novos enfoques e tendencias en docencia, as ferramentas de innovación e consellos sobre como aproveitar ao máximo as habilidades docentes. Nesta ocasión o debate realizarase a través un panel de debate constituído por membros de ADINGOR Joven como Beatriz Andrés, Rocío Alfaro, Virginia Ahedo, Karen Reina Sánchez, Juan de Antón e Miguel Rodríguez, investigador da EE Industrial.
Todas estas sesións, explica Iván González, “están orientadas a persoas que se están iniciando no mundo universitario ou a mozos e mozas que, dende fóra, poden ter certo interese, como estudantes de grao ou mestrado”. Ademais, engaden, “cada unha das principais liñas de traballo de ADINGOR Joven está dedicada a aumentar a presenza de novo persoal de investigación na Conferencia Internacional de Enxeñaría Industrial e Xestión Industrial (ICIEIM) e no Congreso de Enxeñaría de Organización (CIO).
As persoas interesadas en participar nestas xornadas deben inscribirse a través do seguinte enlace: Young Adingor sessions registration form.
Fonte: DUVI.


