As mulleres, protagonistas dos Premios Laranxa ao mérito docente que outorga a Delegación de alumnado da EEI

Vigo TecnolóxicoActualidadeAs mulleres, protagonistas dos Premios Laranxa ao mérito docente que outorga a Delegación de alumnado da EEI

Eduardo Godoy acadou o premio de 1º ciclo teoría e Mª José Rivas o do mellor PAS

Co obxectivo de evidenciar de xeito manifesto “que un bo traballo merece o seu debido recoñecemento”, a Delegación de alumnado da Escola de Enxeñaría Industrial da Universidade de Vigo entregou este venres na sede de Torrecedeira do centro os Premios Laranxa ao mérito docente. Os galardóns, que acadan este ano a súa segunda edición e tamén recoñecen o labor do PAS, premian nas categorías teoría e prácticas, primeiro e segundo ciclo, o esforzo e dedicación do persoal docente da escola, atendendo ao criterio do alumnado que elixe ás e aos gañadores cos seus votos. “Este ano a participación foi realmente boa. Á hora de tentar mobilizar á totalidade do estudantado, sempre comentamos que non é doado acadar unha participación total. Porén, e especialmente grazas ao traballo dos e das delegadas de curso, que coordinaron as votacións en cada nivel, este ano conseguimos unha moi boa participación”, explican desde a Delegación de alumnado, que mesmo aseguran, “semella que estamos a espertar certo interese entre o estudantado e os docentes”.

Premios con nome de muller 

Nesta segunda edición dos galardóns, as docentes acadaron tres dos catro premios, os correspondentes a: 1º ciclo prácticas, Iria Feijoó Vázquez (Departamento de Enxeñaría dos materiais, mecánica aplicada e construción), con 20 votos; 2º ciclo teoría, Raquel Pérez Orozco (Departamento de Ingeniería Mecánica, Máquinas y Motores Térmicos y Fluídos) , con 14 votos e 2º ciclo prácticas,  A. Trinidad González-Portela Garrido (Departamento de Organización de empresas e márketing) con 15 votos. Pola súa banda, Eduardo Godoy Malvar, con 22 votos, recibiu o premio 1º ciclo teoría e María José Rivas Sieira, conserxe na sede cidade da Escola, foi recoñecida como a mellor PAS.

“Repítense moitas das nominacións, e as e os gañadores do ano pasado obtiveron posicións moi altas. Mais neste caso as e os vencedores en cada categoría non se repetiron”, detallan deste da Delegación de alumnado, que tamén lembran que “con respecto á anterior edición, fortemente marcada pola pandemia, e que de feito se realizou de xeito telemático, mantivéronse todas as categorías, agás a que se reservara para galardoar a mellor teledocencia durante a covid”, explican as e os organizadores dos Premios Laranxa.

 

Fonte: DUVI