Alumnado de Ciencias Sociais e Enxeñaría de Telecomunicación colaboran no deseño dun videoxogo

Vigo TecnolóxicoActualidadeAlumnado de Ciencias Sociais e Enxeñaría de Telecomunicación colaboran no deseño dun videoxogo

O grupo de innovación docente ComTecArt promove o traballo interdisciplinar entre o Campus CREA de Pontevedra e o Campus Vigo Tecnolóxico a partires de cómics de Manel Cráneo

15 estudantes da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación e da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación tomarán como fonte de inspiración as ilustracións de Manel Cráneo para deseñar proxectos de videoxogos. En particular, porán o foco na novela gráfica Destino Hërgüss, produto desenvolvido por Cráneo a partir de Planeta Mincha, un universo fantástico que abrangue cartografía propia, especies, linguas, alfabetos e músicas. Ao abeiro do grupo de innovación docente ComTecArt, a iniciativa está impulsada polas docentes de Ciencias Sociais e da Comunicación Beatriz Legerén e Mónica Valderrama e o profesor Luis Fernández, xunto cos docentes da EE de Telecomunicación Antonio Pena e Enrique Costa. O seu obxectivo é achegar ao alumnado os procesos interdisciplinares que definen o traballo na industria dos videoxogos.

Primeiro achegamento á banda deseñada

Tras empregar novelas ou guións cinematográficos como inspiración nas cinco edicións anteriores, a iniciativa achégase en 2021 por primeira vez ao mundo do cómic coa colaboración de Cráneo, artista multimedia que desenvolveu ao longo da súa traxectoria desde traballos de banda de deseñada e ilustración, ata proxectos expositivos ou musicais. “O que queremos é cada ano ir innovando e buscando distintas fontes que sirvan como inspiración”, salienta Legerén, unha das docentes impulsoras da iniciativa. No encontro que este mércores mantiveron co alumnado na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, Cráneo recoñeceu que lle pareceu “unha idea fantástica” que amplía o Planeta Mincha, un “proxecto multiplataforma” que xa deu pé a libros infantís, novelas gráficas, proxectos de animación, merchandising e mesmo pasatempos.

O alumnado deseñará videoxogos a partires dunha pasaxe concreta de Destino Hërgüss, un cómic de misterio e acción que constituíu a primeira obra inspirada no Planeta Mincha enfocada a un público adulto. O seu autor puido coñecer no encontro as propostas de xogo dos tres grupos, onde valorou a “toma de contacto cun proxecto real” que desenvolverá a primeira fase dun xogo. A idea, explica Legerén, é que, partindo da secuencia escollida, o alumnado “teña xa construído o que sería o escenario do xogo” para que centre o seu traballo “no deseño da idea, en que vai facer o xogador e en como o vai facer”.

O traballo conxunto dos estudantes de tres titulacións de dous campus

Os tres grupos participantes, Base Games, Counterclock Games e Pilgrim Studios, están formados por estudantes de diferentes titulacións e materias da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación e da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, ubicadas no Campus CREA de Pontevedra e no Campus Vigo Tecnolóxico respectivamente. “É algo enriquecedor, sobre todo porque permite que os estudantes se dean conta de que son capaces de traballar con perfís profesionais completamente distintos e colaborar para crear algo de forma conxunta”, subliña Legerén dunha actividade que o grupo ComTecArt desenvolve por quinto ano consecutivo, e recupera este curso o seu carácter presencial con encontros semanais nos dous centros. O alumnado do grao en Comunicación Audiovisual que estuda a materia de Videoxogos, comunicación e desenvolvemento no Campus CREA encargarase do deseño do guión e a creación de personaxes e diálogos. Por parte do grao en Enxeñaría de Tecnoloxías de Telecomunicación do Campus Vigo Tecnolóxico participará alumnado da materia Tecnoloxía multimedia e computer graphics, sendo os responsables de programar o xogo, e estudantes de Programación de Sistemas Intelixentes, que se responsabilizarán de programar con intelixencia artificial personaxes non xogadores, inimigos, etc. Á súa vez, contarán tamén co apoio do alumnado da materia Comunicación alternativa, do grao en Publicidade e Relacións Públicas impartido na mesma Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, que serán os responsables de levar a campaña de comunicación destas tres “produtoras”.

Fonte: DUVI.